jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

A arte da prudencia

 Javier Nogueira sopréndenos con Baltasar Gracián como inspirador da esquerda  maoísta

Fumaroli. EP
Fumaroli. EP

SUPOÑO QUE a vostedes non se lles perdería nunca nada en Huesca. Non digo que non pague a pena chegar alí... pero hai que recoñecer que existen destinos máis atractivos. Eu rematei por aquelas terras seguindo os amigos do mundo do baloncesto e só saquei en claro que o busto de Ramón y Cajal —que en realidade era de Petilla de Aragón— era cousa digna de visitar. Non obstante, nun tempo a pequena e fría cidade pirenaica albergou ao meirande intelectual español. No Colexio dos Xesuítas, enfronte do pazo do seu mecenas Vincencio Juan de Lastanosa, ensinaba nada menos que Baltasar Gracián.

Ninguén que teña estudiado a literatura española pode negar que Gracián é o seu parente pobre. Non hai un autor mellor nin máis influínte o que se ignore tanto, quizais porque namentres Schopenhauer o traduciu por consideralo útil para as súas propias ideas filosóficas, Quevedo atacouno por desafiar as normas intelectuais dunha España contrarreformista á que non lle remataba de gustar a universalidade dun xesuíta heterodoxo e cun enorme dominio do concepto, a base do barroco español.

Xa que logo, resulta habitual que as reivindicacións de Gracián cheguen do estranxeiro e nesta ocasión lévaa a cabo Marc Fumaroli. O prestixioso académico francés, autor do influínte O estado cultural, trata da Extraordinaria difusión da arte da prudencia en Europa, ou o que é o mesmo, a pegada do Oráculo manual de Baltasar Gracián entre a súa publicación e o século XX. É unha tarefa erudita e curiosa, polo que non resulta estraño que edite Acantilado, experta nestas batallas.

O Oráculo manual caeu por vez primeira nas miñas mans de neno. Non é que meus pais me maltratasen, senón que se incluía nunha colección de libros a cen pesetas que fixen e lin. Obviamente non entendín demasiado, pero si lembro que me impactou a concisión da obriña: os consellos eran tan concretos que convidaban a un a seguilos. Pasados uns anos pasou a ser unha obra de consulta cotiá, ao revés que o imposíbel Criticón, e abriume a porta aos moralistas franceses (La Rochefoucauld, La Bruyère, Chamfort...).

A complexa historia da orde xesuíta en Francia está marcada polo enfrontamento coa badía de Port Royal


Antes de chegar Gracián aos moralistas da corte de Luís XIV tivo que pasar toda unha xeira de aventuras que Fumaroli relata con detalle. O título traizoa un chisco ao grande mestre francés, pois a súa análise está dedicada case que por completo á recepción do autor de Belmonte en Francia. Os capítulos iniciais non son sinxelos se un non coñece a complexa historia da orde xesuíta en Francia, fortemente marcada polo enfrontamento coa badía de Port Royal e pola presenza nesta de Blaise Pascal. As Cartas provinciais do xenio de Clermont supuxeron un golpe desastroso para o xesuitismo francés, xa que introducían un enxeño laico, educado nas regras do pensamento científico, dentro dun debate no que a linguaxe ata entón fora escolástica.

Todo se acelera nun magnífico capítulo final que, en realidade, debería ser o cerne dunha obra de máis longa ollada cara Gracián. Nun exercicio de comparatismo vertixinoso pasamos da admiración de Schopenhauer, ao hispanismo de Menéndez Pelayo e despois á crítica de Croce. E nun último e sorprendente xiro de acontecementos atopamos a Gracián convertido, por obra e graza do psicanalista Jacques Lacan, en autor de referencia da esquerda maoísta e a Internacional Situacionista. Autores como Guy Debord, cuxas raíces intelectuais estaban no surrealismo e en autores como André Gide, atoparon aquelas antigas traducións e descubriron que a prudencia tamén podía ser útil ao home revolucionario, unha lección que conviría non esquecer en tempos de involución.

A arte da prudencia
Comentarios