viernes. 03.07.2020 |
El tiempo
viernes. 03.07.2020
El tiempo

A máquina perfecta

EXISTEN moitos terreos da cultura nos que facer valer a oposición entre apocalípticos e integrados e como membro da que se podería chamar -entre outros nomes posíbeis- Xeración EXB. Hai un no que a apocalipse é a única alternativa: os debuxos animados para nenos. Agora xacen en arquivos e plataformas series como Era unha vez o corpo humano e por máis que busco non atopo algo nin semellante nas cadeas especializadas actuais: demasiada luz, demasiado volume, pouca ensinanza integrada na ficción.

Barillé, o creador francés desta serie, esforzouse por transmitir aos nenos as marabillas do noso organismo, a máquina máis complexa nunca creada —neste caso por obra da natureza—. Calquera que vise a súa serie poderá gozar cunha das grandes novidades editoriais desta atípica primavera, El cuerpo humano de Bill Bryson. A obra estaba destinada a ser un éxito de vendas para RBA, o selo que a edita, pero o peche das librarías ameaza con deixar na cuneta non só este senón outros moitos proxectos de interese.

Non imos descubrir agora a Bill Bryson como divulgador: Breve historia de casi todo acadou xa a dificilísima condición de long-seller, libro de fondo que deixa ás editoriais beneficios durante lustros. Repite nesta obra as técnicas daquela, fáciles de describir e moi difíciles de executar con talento. En primeiro lugar, proceder do xeral ao particular, no caso do corpo do externo (a pel) ao interno (o resto) e de arriba a abaixo nun sentido espacial. Son eixos de descrición familiares por natureza. En segundo lugar, utilizar entrevistas con científicos para dar informacións actualizadas sobre temas nos que o coñecemento cambia de ano en ano, ás veces de mes en mes —en caso de pandemia, de semana en semana—. En terceiro, mesturar ese coñecemento científico con anécdotas históricas que axudan a entender como chegamos ao punto no que nos atopamos.

Se a isto sumamos un talento excepcional para narrar, atopamos unha obra mestra da divulgación, moi necesaria nos tempos que corren pero tamén turbadora. Co que está a ocorrer todos somos conscientes da importancia da sanidade pero a crise do coronavirus tamén demostrou a insuficiencia dos nosos coñecementos sobre o noso propio corpo e sobre a nosa interacción co que nos rodea. E, por suposto, algo xa sabido: a dificultade para distinguir entre verdadeiro e falso polo exceso de información, e a ignorancia sobre o funcionamento do método científico.

Michael Kinch xa declara que a gripe é a enfermidade que máis risco presenta para os humanos e que, se non tivemos dende a gripe española unha pandemia

Bryson tamén resulta perturbador cando fala das infeccións e o seu desenvolvemento no mundo actual. Malia que o libro se edite agora en España, escribiuse tempo atrás e, por desgraza nel Michael Kinch, profesor da Universidade Washington en St. Louis, xa declara que a gripe é a enfermidade que máis risco presenta para os humanos e que, se non tivemos dende a gripe española unha pandemia, non foi por especial atención senón, simplemente, por sorte. Agora, cando temos o libro de Bryson na man, sabemos que a sorte rematou.

Dito todo isto, non debemos afrontar unha lectura así dende a anguria ou a hipocondría. Pasamos toda a vida nun corpo e case que non sabemos como funciona. A curiosidade débenos levar ao coñecemento, este aos prodixios e segredos do organismo e estes a unha valoración real dos riscos que corremos, que por outra banda, e esta é a mensaxe positiva, son cada vez menores grazas á mellora da medicina e das condicións de vida e hixiene. Do mesmo xeito que se cumpriu o vaticinio do autor sobre a gripe, quizais se cumpran no futuro outros máis optimistas, por exemplo os relacionados coa posibilidade de achegarse en xeral aos cen anos —ou máis—. Se iso acontece, o libro de Bryson estará alí para velo e amosar o estado dos coñecementos médicos nos principios do século XXI.

A máquina perfecta
Comentarios