Opinión

A novela como xogo

Vladimir Nabokov morreu en 1922, máis en concreto o 28 de marzo daquel ano en Berlín. Foi durante unha conferencia, cando acompañaba a Pavel Miliukov, o fundador do "kadete", un dos partidos progresistas máis representativos de Rusia no convulso período anterior á Revolución de Outubro
nabokov
photo_camera Nabokov. EP

TRAS A VITORIA de Lenin, Nabokov e Miliukov —en realidade rivais políticos— exiliáranse á capital alemá pero as augas baixaban revoltas entre a diáspora branca. Aquel día un activista de extrema dereita achegouse ao escenario cantando o himno zarista e disparou contra Miliukov. O seu amigo subiu a salvarlle a vida, pero o extremista non estaba só e de entre o público saíron dous disparos que remataron con Nabokov.

O fillo do finado, Vladimir Nabokov, decidiu permanecer en Berlín no canto de fuxir a Praga coa nai e os irmáns. Si tería que marchar cando os nazis chegaran, primeiro alí e logo a París. Foi unha decisión acertada, xa que o seu irmán Sergei preferiu quedar, en confianza de que podería sobrevivir… e rematou morrendo ao final da guerra no campo de concentración onde pasou cinco anos pechado. Ao chegar aos Estados Unidos, deixou a lingua rusa —na que escribira xa algunha obra mestra da novela de vangarda, como O ollo— e pasou ao inglés, no que acadaría a inmortalidade. A figura do pai sería unha constante na súa narrativa e tería especial relevancia na súa verdadeira obra mestra, Pale fire ("Pálido Fuego").

Escándalo

Fuxir a estas alturas da asociación entre Nabokov e o escándalo a conta de Lolita non ten moito sentido, como tampouco o ten reducir a obra do escritor ao ocorrido con esta novela. Primeira novela de Nabokov sobre a vida estadounidense, o seu obxectivo era poñer un espello diante da imaxe interna do país, cos seus mitos e obsesións, en particular a visión puritana sobre o sexo. De pouco serven arestora estes argumentos e tamén aqueles que poñen de relevo o feito de que un nunca debe trabucarse ao enfrontarse coas barreiras da ficción, que todo o sostén e nada ten que ver coa realidade. Tampouco o detalle de que Humbert remate no corredor da morte: un señor de corenta anos mantén unha relación sexual cunha nena de doce anos absurdamente erotizada. E a pederastia é un delito e unha aberración. Tantos se achegaron a Nabokov nos 50 e os 60 por Lolita coma tantos foxen agora del por ela.

Hibridismo

Ignorar a Nabokov por Lolita significa para todo aquel interesado na novela contemporánea obviar unha das voces decisivas desta. Xa as súas obras europeas representan en grao máis alto o principal trazo da novela de vangarda e experimental: o hibridismo. Case que todas elas —O ollo, a policial Cámara escura ou a kafkiana Convite a unha decapitación— amosan unha mestura dos temas e modos da literatura rusa —e en particular de Gogol, agochado tras Dostoievski, Tolstoi ou Chekhov en Occidente, e mestre do grotesco— coa conciencia de que a novela endexamais sería a mesma despois da irrupción de Proust e a súa experiencia do tempo, e Joyce e a súa polifonía.

'Pale fire' é o cumio da arte nabokoviana, condición que a afasta dos circuítos comerciais

De feito, moitos teñen sinalado o feito de que Lolita, co seu moi moderado experimentalismo, é unha novela que se afasta claramente da liña estilística de Nabokov. Se acaso serviu para chamar a atención dunha xeración de narradores, encabezados polo relativamente ignorado en Europa John Barth, para os que o exiliado ruso se converteu nun mestre, condición reforzada polas súas clases maxistrais na universidade Cornell, recollidas despois en diversos manuais de enorme éxito.

Pale fire, publicada en 1962, é en realidade o cumio da arte nabokoviana, condición que a afasta en realidade dos circuítos comerciais. E é que posibelmente non exista unha novela máis destinada aos críticos literarios en toda a literatura universal. As súas primeiras páxinas están dedicadas a un estraño poema épicocómico en 999 versos inspirado en Alexander Pope —o grande poeta inglés do século XVIII—, escrito por un tal John Shade. O resto da obra conságrase a unha estraña edición anotada do mesmo que mestura a amizade entre o escritor e o seu editor, Charles Kinbote —isto é un drama de seu— e a extravagante historia do rei de Zembla e do asasino enviado polos gobernantes dese país para liquidalo.

E no comentario ao verso 1.000, o verso que non existe, atopamos o trauma de Vladimir revivido. Jakob Gradus, o sicario chapuceiro, non mata ao rei de Zembla, senón ao pobre Shade. E no relato de Kinbote confirmamos que se trata dun personaxe demente, altivo, perverso e ególatra. En realidade, un verdadeiro tolo, como corresponde a un relato que nin sequera é relato. Estamos perante un infindo xogo de espellos que remite á falla de identidade da arte de posguerra, aos seus artificios e ao traballo absurdo da crítica e do "close reading", a lectura minuciosa, tendencia teórica de moda nos Estados Unidos naqueles tempos. Definitivamente, un deses trucos que tanto gustan na novela experimental contemporánea e que Nabokov manexa con excelencia para exorcizar os seus demos persoais.

Polifonía

Tal e como demostrou o crítico ruso Mijail Bajtin polifonía e xogo son dúas das chaves da narrativa do século XX. Nabokov continuou con eles na súa vellez, a medida que se afastaba máis e máis da creación. Ada ou o ardor fai unha síntese de todo isto cunha escrita ironicamente senil e coa repetición dos temas habituais do escritor en América: a ambigüidade do real, a paixón polos quebracabezas —era un excelso deseñador de problemas de xadrez— e a obsesión provocadora polo sexo. Vese que os censores da pederastia non chegaron ao incesto —quizais sexa mellor así—.

Para ser un grande escritor, Nabokov non estivo precisamente ben tratado en canto á biografía: os libros que lle dedicou Brian Boyd teñen unha total falla de ritmo e non transmiten a paixón precisa por coñecer unha vida chea de azares. Quizais é que o mesmo escritor puxo o listón moi alto con Fala, memoria. É con diferenza a mellor obra do final da súa vida e unha constante nesas sempre polémicas listas de "Os mellores libros de non ficción do século XX". O certo é que se trata dunha excelente lectura para un verán, eloxio da función conservadora da lembranza —sobre todo, infantil e xuvenil— e ao tempo procura dun pasado ruso que naqueles tempos aparecía cancelado pola historia mesma, mergullada na división en bloques e no dominio da Unión Soviética.

O xogo e as múltiples facetas da realidade chimparon dos libros á mesma personalidade de Vladimir Nabokov. En realidade nos seus últimos anos a literatura só foi para el unha ocupación secundaria. Sempre saudosista de Europa, regresou e decidiu instalarse en Suíza, onde levou a cabo fondas pescudas no eido da entomoloxía e, máis en concreto, na clasificación das bolboretas. Tampouco aí deixou indiferente a ninguén: cando a comunidade científica apostaba xa por clasificacións baseadas na xenética, Nabokov seguiu a apostar por unha metodoloxía "artesanal", consistente na observación a microscopio dos órganos sexuais dos preciosos bichos. A súa popularidade extracientífica fixo que gañase bastantes conversos ao seu método para indignación dos descendentes de Morgan e as súas "Drosophylla", as moscas da froita que trocaron o noso coñecemento do funcionamento da xenética e a descendencia.

A tecnoloxía actual provoca deliciosas casualidades. Estaba eu a pensar nunha conclusión para esta peza cando saltou no meu fío musical You’re So Vain ("Es tan presumido"), a famosa canción de Carly Simon, na que segundo soubemos hai pouco describe a súa relación co actor Warren Beatty. Ben se pode ter aplicar tal letra e cualificativo a Nabokov dende a perspectiva dos estudos literarios actuais. Intelectual versátil e consciente da súa valía, que nunca temeu enfrontar á moral dominante —dende a Unión Soviética á caza de bruxas mccarthista— na actualidade aparece, estrañamente, coma un persoeiro van e representante dunha aristocracia intelectual que encaixa mal co pensamento literario derivado dos estudos posmodernos e coas orientacións consumistas da cultura de arestora: o experimental nin vende nin se consume axiña.

Comentarios