Opinión

A paus cos clásicos

Agora que xa pasaron as eleccións de toda pelaxe os críticos podemos volver falar de política sen recibir acusacións masivas de partidismo.

Soldados leyendo. EP
photo_camera Soldados leyendo. EP

NA PRIMEIRA campaña coa que se nos castigou aos electores na primavera o candidato de Ciudadanos, Albert Rivera, prestouse a un destes espectáculos ridículos que adoito nos regala a televisión en España: unha entrevista feita por nenos. Un deles, axeitadamente dirixido imaxino, preguntoulle en que bando da Guerra Civil se tería situado de ter vivido o conflito. O político catalán sorteou a cuestión como outras moitas: sen se mollar. Dixo que tería marchado do país porque a el non lle gustan os bandos.

Para calquera versado en Historia, a resposta tiña un camiño claro: renegar dun republicanismo que non vende ante os seus posíbeis votantes e tratar de cambiar un relato tan secular como acertado, o da existencia das dúas Españas. Non lle gusta isto ao novo nacionalismo español, que prefire soster que houbo unha terceira España, a non aliñada cuns nin cos outros, que foi a verdadeira prexudicada por todo aquilo.

E para calquera versado en Crítica Literaria tampouco resulta difícil atopar de onde puido sacar Rivera estas ideas: ten ou tivo bastante preto a Andrés Trapiello, que dende hai anos se move na esfera do liberalismo español na compaña de Savater, Arcadi Espada ou a xa famosa Cayetana Álvarez de Toledo. E non se pode negar que Trapiello é unha eminencia na materia, posto que seu é Las armas y las letras, libro de cabeceira sobre a literatura e a Guerra Civil que vén de se editar agora —en Destino— nunha edición que celebra o 25º aniversario da publicación orixinal.

De Las armas y las letras xa se dixo case que todo neste cuarto de século. Trapiello creou unha obra mestra na que percorreu os camiños de practicamente cen enxeños naqueles tempos convulsos. Fíxoo cunha narrativa fluída e cunha linguaxe que bebe nas fontes de Cervantes e o barroquismo español. Sacou da escuridade a un autor como Manuel Chaves Nogales ao que agora algúns mesmo lle recoñecen a categoría de mestre. Á volta deste tempo, ademais, o libro non precisou demasiadas correccións, outra mostra de que a pescuda orixinal era de calidade e se fixo no tempo xusto, cando xa saíran á luz os documentos relevantes para xulgar a uns e outros.

Estarán vostedes a pensar que esta peza non cumpre o que promete, xa que non hai paus para este clásico da critica española. Teñan paciencia, que alá van. A Historia que conta Trapiello non se moveu demasiado, xa que Historia é... pero quen si se moveu foi o autor. Paradoxalmente, o máis interesante arestora do libro está nos seus limiares. En 1993 o autor é un crítico ao que non lle interesan demasiado as cuestións políticas, en 2010 aclara que a obra non equipara os principios de ambos bandos porque os da Ilustración só estaban no da República. O de 2019 aproveita para atizarlle a un «político populista» —Pablo Iglesias, evidentemente— por reivindicar nun discurso seu a políticos da República de todo signo, dende a liberal Campoamor ao socialista Largo Caballero pasando polo troskista Nin.

O resultado de todo isto é turbador porque a cada lustro que pasa Las armas y las letras é máis imprescindíbel... e o autor está máis afastado do contido orixinal. Dunha lectura atenta e crítica un só pode sacar en claro que a República defendía uns ideais de progreso esmagados pola ignorancia fascista e que a "Terceira España" estivo formada en boa medida formada por persoeiros que en privado amosaron as súas simpatías por Franco —véxase o caso de Pérez de Ayala—. Os que non caeron nesa tentación, como a mesma Clara Campoamor, pagárono co exilio. Algúns semellan querer esquecer que coa vitoria republicana non terían que ter reivindicado aos loitadores no exilio... porque terían quedado cambiando a gris España dos 40.

Comentarios