jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

A utilidade do antigo

Javier Nogueira pregúntase se era positiva a esixencia de saber latín e grego para Oxford ou Cambridge

NON SEMPRE hai libros de moda que pague a pena ler mais nestes meses temos un de grande interese: La utilidad de lo inútil, do profesor italiano Nuccio Ordine. Non vou escribir sobre el porque non podería mellorar as verbas do meu compañeiro Portorosa, pero o certo é que esa influencia benéfica está a animar a outras editoriais a publicar algúns títulos que van contra a corrente de utilidade e fastfood cultural na que estamos afundidos hai xa unhas décadas, unha corrente de especial gravidade en España na miña opinión.

Un deses títulos edítao Alianza e é El mundo clásico, do especialista británico na Antigüidade Neville Morley. Resulta significativo que saia nunha colección chamada Por qué importa e atractivo o seu formato: en peto e sen chegar ás 150 páxinas de texto, o que garante argumentos directos e consumo nunhas poucas sesións de lectura. Trátase de combater ao inimigo coas propias armas, ou algo así.

Decote a nacionalidade do autor non ten demasiada relevancia no que teñamos que dicir sobre un libro pero non é así nesta ocasión. A pesares dos intentos do tradutor de adaptar o contido da obra —que se acompaña dun excelente corpo de notas—, o fracaso é evidente porque a tese do orixinal baséase no caso inglés. onde o mundo clásico estivo durante séculos asociado ás grandes universidades e, sobre todo, ás ‘public schools’ nas que se educaba a elite dirixente do Imperio. E pouco importaba que a túa vocación fose a economía, como no caso de Keynes, ou a filosofía, coma no caso de Bertrand Russell: sen saber grego e latín nin sequera entrabas en Oxford ou Cambridge. En España a situación foi por sorte ou por desgraza moi distinta e os argumentos de Morley caen por iso en saco roto en non poucas ocasións.

Malia todo, o cerne do libro permanece intacto. O mundo clásico debe estudarse e endexamais debe esquecerse. No caso anglosaxón, debe afastarse das clases altas; no español, debe superar a barreira do minoritario e o rampante antiintelectualismo que se pode apreciar por exemplo nalgunhas opcións políticas.

Non debe manipularse senón entenderse: os restos que conservamos son fundamentais pero non teñen por que ser a representación fiel dunhas culturas que desapareceron hai moitos séculos; escribo diante dun busto de Aristóteles, pero o filósofo de Estaxira defendía a escravitude como algo natural; películas como 300, independentemente da súa popularidade, non recollen o espírito da cultura ática; podemos entender o presente dende aquel pasado, por exemplo grazas a Tucídides, pero tamén grazas a outros.

O capítulo final da obra de Morley quizais sexa o máis relevante. A cultura grecolatina dificilmente nos ha servir para prever o futuro, pero si para nos lembrar que, en palabras de Eduardo Mallea, todo verdor vai perecer. Supoñemos que os romanos crían que a súa civilización era eterna e agora vémola nas vistas aéreas dos documentais. Non sabemos se as ideas de Platón ou Epicuro van sobrevivir ata o século XXIII, pero do que si podemos estar certos é de que a nosa civilización non se vai parecer en nada ao que agora existe. Quizais para os procesos transformadores da cuarta, a quinta e a sexta revolucións industriais precisemos das leccións de Edward Gibbon.

En calquera caso, o que semella claro é que o aparentemente inútil non só é útil agora senón que no futuro pode chegar a ser imprescindíbel. Alén de memes e citas tuiteiras, as sociedades precisan unha trama de ideas que as protexan dos perigos da ignorancia, o fanatismo e a exaltación da diferenza como algo excluínte. E da man de Morley podemos apreciar como, ao cabo, o grego e o latino si importan.

A utilidade do antigo
Comentarios