viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Anos milagreiros

Corre polas redes sociais unha captura de pantalla de contido musical acompañada sempre por comentarios lapidarios do tipo "O mundo vai á merda" ou "Señor, lévanos axiña"

En 1992 estaban nomeados aos premios dunha coñecida cadea de televisión musical grupos coma Nirvana e Queen, e solistas como Michael Jackson, Eric Clapton ou Prince; en 2019 aparecen nomes coma Ariadna Grande, Taylor Swift, a inefábel Rosalía e The Chainsmokers.

Non serei quen negue a evidente diferenza de calidade entre uns e outros; aínda que, para non nos pasar de apocalípticos, hai que sinalar dous argumentos: non é xusto comparar artistas no cumio ou no final da carreira con outros que apenas están a comezar, e que o argumento, en realidade, non ten fin no seu camiño cara atrás. E se queren comprobar a veracidade do que veño de dicir só teñen que ler Música en 1853. La biografía de un año de Hugh MacDonald, editado recentemente por Acantilado.

O máis cotián cando se traballa no xénero da biografía é usar unha perspectiva diacrónica, isto é, establecer unha liña temporal imaxinaria na que se presentan os acontecementos da vida do protagonista. McDonald escolle, en troques, unha perspectiva sincrónica: escolle un elo desa cadea, o do ano 1853, e analízao a fondo. O resultado é excepcional porque consegue por ese medio afastarse dun só autor e atender a varios.

Por que ese ano e non outro? Porque para o autor trátase dun annus mirabilis, o final dunha época e o principio doutra. Máis en concreto, o final da época do romanticismo popular da música alemá —co descenso aos infernos da tolemia de Robert Schumann— e a división do mundo musical xermánico en dúas correntes: o posromanticismo nacionalista de Richard Wagner, que nese ano comezou a compoñer O anel do nibelungo, e o clasicismo exuberante de Johannes Brahms.

A figura de Brahms non era central naqueles tempos. De feito vemos un mozo case que adolescente, louro, de cabelos longos, tímido; aínda que prodixioso. Sen embargo, exerceu o papel de catalizador de certos trocos. O seu retrato é o mellor debuxado, sobre todo naquilo que ten que ver coa súa relación cos Schumann e en especial con Clara, de quen estaría namorado platonicamente durante décadas.

Os personaxes dominantes son os dous músicos que, por idade, pertencían á xeración anterior. Atopamos a un Berlioz inseguro, asediado pola morna recepción das súas obras, a un Wagner xa asentado como referencia europea, pero aínda incomprendido na súa grandeza, e a un Franz Liszt que actúa de referente ao se converter no primeiro artista contemporáneo no sentido comercial do termo: concertos, patrocinios, cultivo dunha imaxe enigmática e asemade estelar… Arredor deste grupo xúntanse virtuosos coma Joachim ou Remenyi, importantes no seu tempo e esquecidos agora.

Pero o libro de Hugh McDonald vai alén da música. Atopamos nel o retrato dunha época de transformación en Europa. As comunicacións cambian coa chegada do ferrocarril, o que comeza a permitir que os músicos vaian de xeito máis sinxelo dunha cidade a outra e estendan a súa fama. Alemaña está a piques de nacer como país e iso vai eliminar aquel enxame de cortes e principados que elevou a certos artistas e afundiu a outros.

E a pesares disto, aquel segue a ser un mundo con límites: as convencións sociais aínda crearán historias como o "escandaloso" triángulo amoroso entre Wagner, Cósima Liszt e Hans von Bulow, e certos autores —nomeadamente, Giuseppe Verdi— manteranse á marxe dun star system agora consolidado nos manuais de historia da música e nos repertorios das mellores orquestras do mundo, algo que non sabemos se acadarán as Ariadna Grande ou Taylor Swift.

Anos milagreiros
Comentarios