lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

As guerras do pasado

CADA POUCO tempo hai que lle lembrar á opinión pública algo tan básico coma necesario: non vivimos no peor dos mundos posíbeis, senón máis ben todo o contrario. Eu aínda lembro o temor da xente que me rodeaba de neno a que calquera conflito —a invasión de Kuwait por Irak ou a caída do Muro de Berlín— desencadease o lanzamento dunhas bombas atómicas que deixasen o planeta mergullado nun inverno de po e escuridade. Era o produto da mal chamada Guerra Fría, que non deixaba de ser unha ‘guerra quente’ arrefriada polo feito de que os seus escenarios non se atopaban en Europa senón en Corea, Cuba, Zaire ou Afganistán.

Ata arestora a historia do longo conflito que enfrontou aos Estados Unidos e á Unión Soviética tivo sobre todo relatos de parte, en particular os elaborados por John Lewis Gaddis. Porén, dende hai uns anos algúns historiadores comezaron a publicar obras máis equilibradas que rematan agora en La Guerra Fría (Galaxia Gutenberg) do noruegués Odd Arne Westad, que se pode considerar con xustiza o primeiro libro en analizar con distancia os acontecementos, sen se adherir aos vencedores e ao seu bloque e aplicando unha perspectiva mundial ben necesaria.

Hai unha web da que xa lles falei noutras ocasións, 'Necrometrics', na que Matthew White, autor dalgúns libros interesantes, fai unha compilación dos multicidios da historia da humanidade. Alí cifra o número de mortos a causa da Primeira Guerra Mundial en 15 millóns... unha cifra que superaría de longo a Guerra Fría se sumásemos os falecidos en Corea, Vietnam, China e Bangladesh. Sen dúbida a percepción desas décadas como unha época de prosperidade ten que ver coa reconstrución de Europa, coa gravidade dos crimes da Segunda Grande Guerra e co afastadas que se atopan aquelas terras dos grandes centros de poder.

É polo tanto esa perspectiva mundial o que máis paga a pena agradecer a Westad. Obviamente os dous grandes polos do seu relato son as superpotencias, pero non por iso deixa de analizar a fondo e cunha escrita fluída e sinxela de comprender o que sucedeu na India, Israel ou determinadas zonas de África. Especial atención merece o desaparecido Movemento dos Países Non Aliñados, unha desas iniciativas que en calquera intre pode resucitar ante a tendencia das potencias a ampliar as súas redes de influencia.

Constatada a calidade da obra e a súa neutralidade respecto a outras... non podemos deixar de sinalar que esta ecuanimidade é relativa. Da lectura agroma a obvia sensación de que o triunfo dos Estados Unidos, con todos os seus defectos, supuxo o da liberdade, os valores democráticos e a igualdade. Pero como constata o mesmo Westad, a Guerra Fría segue viva entre nós, xa que boa parte dos atrancos xeopolíticos aos que nos enfrontamos teñen nela a súa orixe. Só temos que lembrar como os Estados Unidos armaron aos muyahidim para combater aos soviéticos en 1979 para despois ver como en 2001 os mesmos radicais islamistas estampaban dous avións contra o edificio máis senlleiro de Nova York.

Ao cabo é posíbel que a análise de Westad non sexa definitiva. Veño de lerlle unhas verbas ao xornalista Álvaro Corazón Rural sobre os países do leste de Europa. Di que dende a fin do comunismo sempre nos preguntamos en Occidente canto terían tardado en acadar os nosos estándares de vida e as nosas liberdades... pero agora mesmo paga a pena preguntarse se non somos nós os que nos diriximos, por outra vía, á súa situación. Da man dos falcóns occidentais no remate da Guerra Fría, engado eu.

As guerras do pasado
Comentarios