viernes. 15.01.2021 |
El tiempo
viernes. 15.01.2021
El tiempo

Ciencia ou magufada

DOS grandes océanos que separa aos adultos dos mozos para a década dos 20 que vén de comezar é a privacidade. Os da EXB somos en xeral xente discreta, que enche as redes sociais de mensaxes inocuas e moitas veces eslamiadas ou asisadas análises. A mocidade expón moito máis neses espazos e non comprende o noso absurdo secretismo.

Ocorre que isto da privacidade ten un lado escuro, moi escuro, que vén de estudar en profundidade e expoñer Shoshana Zuboff en La era del capitalismo de la vigilancia. A obra, editada en España pola editorial Paidós, copou os primeiros lugares das xa famosas listas de final de ano sobre os mellores libros de non ficción en varios países e ameaza con bautizar unha época que quizais abranga varias décadas e na que a ciencia dos datos vai ser dominante.

A tese do ensaio non é difícil de explicar e calquera lector pode considerala intuitivamente certa. Estamos rodeados de dispositivos que obteñen datos de nós: os teléfonos intelixentes, as tabletas, as pulseiras de actividade, os ordenadores, os televisores… Cada vez que nos rexistramos para usar un destes trebellos aceptamos uns termos que endexamais lemos —en boa medida, porque as compañías non queren que os leamos— e permitimos que eses datos se cedan e queden en bases de datos que permiten personalizar as nosas experiencias. Peor aínda son algunhas redes sociais, nas que consentmos mesmo unha análise aleatoria das verbas de uso máis frecuente. Persoalmente, aínda lembro o día que estiven a ver un programa de música italiana e como ao día seguinte a app de música que uso puxo aleatoriamente, entre cen, as seis cancións en italiano que tiña: unha posibilidade entre un billón.

Todo isto constitúe unha flagrante violación da nosa liberdade individual e un fraude de lei que acontece perante os nosos ollos e no que colaboramos activamente. Pero non só iso: segundo a autora  isto responde a unha estratexia das compañas consonte a unha ideoloxía neoliberal cuxo único obxectivo e aumentar o beneficio económico a base de crear consumidores avanzados e controlados. É sinxelo comprobalo con só erguer a faciana da pantalla.

O caso é que este libro, concibido durante décadas de traballo por Zuboff, chega ás librarías xusto agora, cando moitos subiron o seguinte chanzo nesa escada de pensamento e decidiron que Bill Gates nos quere controlar a través do 5G ou da vacina contra o coronavirus. E tampouco se pode negar que os argumentos que avalan a investigación da autora coinciden cos dos magufos, eses personaxes estrambóticos que falan de plandemias e conspiracións comunistas para destruír a sacrosanta civilización occidental.

A obra é científica, está chea de pensamento atinado e pescudas que se reflicten nun enorme apéndice de notas e vai axudar a definir os anos que veñen

É polo tanto La era del capitalismo de la vigilancia unha lectura para especialistas e non para o público xeral. O libro está cheo de referencias á lexislación dos Estados Unidos –o país no que se concentra a actividade destas empresas–, sutilezas terminolóxicas que non sempre se reflicten a xeito na tradución —é imposíbel, en realidade; así que non se pode culpar ao tradutor— e, na parte final, referencias ao condutismo de B.F. Skinner, unha filosofía máis instalada tamén alén do Atlántico ca en Europa.

Non podemos dubidar do valor como socióloga de Shoshana Zuboff. A súa obra é científica, está chea de pensamento atinado e pescudas que se reflicten nun enorme apéndice de notas e vai axudar a definir os anos que veñen, os da domótica e a conciencia cidadá de que non se pode comerciar cos nosos datos máis íntimos. Bardante isto, posúe no seu cerne o perigo de ofrecer munición precisamente a algúns dos aliados máis perigosos de personaxes coma Mark Zuckerberg, aos que trata de combater, e que se atopan agora no terreo político da extrema dereita.

Ciencia ou magufada
Comentarios