lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

Contemplación

NON SEI vostedes, pero eu preciso calma. Hai unha pandemia mundial e levo meses cunha man rota.

En situacións de crise como esta a literatura tomou en esencia tres camiños: a protesta, a evasión e a contemplación. Chegados a esta semana eu elixín o terceiro camiño pola oportuna publicación da Obra poética completa de Saint-John Perse na editorial Galaxia Gutenberg.

A obra de Perse e a vida de Alexis St-Léger son a noite e o día. Léger naceu na illa caribeña de Guadalupe. Aínda que os seus editores en español agochen o feito, probablemente a súa familia deixou esa colonia francesa polo medo que espertou a chegada dun nativo ao seu goberno. Xa en Francia, na pirenaica Pau, prosperou coma un magnífico estudante, licenciouse en Leis, entrou no servizo diplomático e ascendeu nada menos que ata a Secretaría de Estado de Asuntos Exteriores. 
Alí aparece, lanzal coma un piñeiro, nas fotos do cumio de Munich no que os aliados entregaron Checoslovaquia a Hitler. O seu intre de gloria chegou cando o dictador protestou por unha observación súa preguntando quen era aquel negro, aquel ser inferior que obxectaba os seus designios. Non hai nin que dicir que Léger non era negro. Loxicamente, cando os nazis invadiron Francia puxeron prezo á súa testa, o que o levou ao exilio nos Estados Unidos.

A poesía de Perse, pseudónimo escollido por Léger para afastar os seus libros de tan escintilante carreira profesional, ten pola contra unha inspiración cósmica. Os problemas do día a día non existen e os temas a representar son aqueles que a civilización non cambia: a relación do home coa natureza, a vivencia da eternidade e a presenza constante da morte. Así presentado, pode parecer Perse un autor pesimista: nada máis lonxe da realidade. Eses temas poderían ser fonte de conflito, pero non ocorre tal, senón que a lectura transmite a intensidade do éxtase da contemplación. O ser humano, pequena peza da máquina universal, colocada neste caso -en moitas ocasións- nunha cativa illa do Caribe, non pode facer outra cousa que vivir e admirar a creación.

Máis que na música o lector vai atopar os efectos poéticos na linguaxe, unha lingua preciosista no léxico e na sintaxe,

Estilisticamente ocorre con Perse algo semellante ao que sucede con Eluard, a quen se considerou un revolucionario hai un século e ao que agora lemos coma un poeta sinxelo e natural porque as imaxes do surrealismo están máis preto da nosa experiencia. Perse é un poeta solemne pero afastado da lírica tradicional, que escolle o ritmo da oratoria e presenta os seus poemas en bloques de texto en prosa. Para o lector de Ocnos de Cernuda ou Espacio de Juan Ramón Jiménez non será unha sorpresa, mais si para quen chegue ao poeta caribeño sen experiencias similares.

Máis que na música o lector vai atopar os efectos poéticos na linguaxe, unha lingua preciosista no léxico e na sintaxe, con imaxes sempre conectadas con dous espazos de forte simbolismo: o océano que rodea as illas natais e o deserto tradicional contrapunto das extensións mariñas.
Chegados a este punto convén poñer unha nota de peche coa edición de Galaxia Gutenberg.

Desafortunadamente nas últimas décadas desapareceu o francés do sistema educativo e as rapazas e rapaces apenas son quen de ler catro cancións infantís. Isto fará que, se lles dá por ler, queden pendentes das traducións, non sempre afortunadas. A presentada aquí, con texto enfrontado, non é mala pero peca de algo frecuente na nosa tradición: converter a todos os poetas en barrocos ou vangardistas en canto á lingua. Cando Perse quere usar un termo complexo, úsao; non precisa que os seus tradutores transformen os termos sinxelos noutros apenas comprensíbeis para o lector medio español e traizoen a beleza da súa ocasional simplicidade.

Contemplación
Comentarios