Opinión

Conxuras

Na historia de Salustio seguimos a traxectoria do seu fillo adoptivo Iugurta e vemos non só a súa crueldade senón a capacidade dos senadores romanos para corromperse

EU CANDO SEXA maior quero ser como Salustio. Tan lapidaria declaración precisará unha aclaración, xa que o pobre Salustio está esquecido nas tebras da educación deshumanística. Gaio Salustio Crispo naceu na rexión dos Abruzos e trasladouse novo a Roma na procura de educación e éxito. Alí coñeceu  un persoeiro que sería chave na súa vida: Xulio César. Colocouse ao seu carón en distintos conflitos, nomeadamente na Guerra Civil, e, chegado o momento, César devolveulle o favor concedéndolle o goberno dunha provincia en África. Saqueouna, volveuse rico coma un cocho e ante as acusacións de mal goberno non tivo ningún atranco en anunciar que se retiraba de todo asunto político para gozar dos cartos saqueados no seu espléndido pazo na urbe eterna namentres escribía historia antiga da civilización romana.

O produto da súa retirada chega agora as librarías baixo o título de Obras en edición das imprescindíbeis Letras Universais da Editorial Cátedra, a colección que máis ten feito pola difusión cultural da literatura mundial en España. Centrarémonos e recomendaremos as dúas obras que se conservan completas, A conxuración de Catilina e A guerra de Iugurta. Inclúense ademais os fragmentos conservados das Historias, pero é unha lectura tan discontinua que non paga moito a pena.

Hai uns días quedei un chisco reconciliado coa política grazas a unha muller que non coñecía, Lorena Ruiz Huerta, portavoz de Podemos na Asemblea de Madrid. Para atizarlle a Cristina Cifuentes polo do seu non-máster comezou usando o molde do discurso co que Antonio ataca a Bruto no Xulio César de Shakespeare, afirmando continuamente a súa honradez para poñela en cuestión. E continuou comezando a súa primeira réplica cun "Ata cando abusará, señora Cifuentes, da nosa paciencia?".

A frase resultará moi familiar para todo aquel estudante de Latín, xa que xeracións e xeracións comezaron a súa relación coa lingua romana con esa frase, dirixida por Cicerón a Catilina. O mellor orador da historia trataba de desmontar con ela a rebeldía dun cidadán que semellaba en disposición de retomar o camiño dos Gracos e subverter a orde social da República. A este home vendeuno a historia coma un vilán, pero o certo é que no relato que fai Salustio aparece ante os nosos ollos coma un valedor da recuperación dos valores da igualdade contra un Senado corrompido, opulento... e aristocrático. Tan violenta foi a fin do perseguido como a do perseguidor: un morreu no campo de batalla, e as mans e a testa do outro remataron por adornar o Foro.

Na historia de Salustio  vemos non só a súa crueldade senón a capacidade dos senadores romanos para corromperse

Menos fortuna tiveron para a posteridade os avatares romanos en África, cando o norte daquel continente formaba parte a todos os efectos do que podía considerarse mundo civilizado. Unha vez derrubados os púnicos —xa saben, "Delenda est Carthago" e tal—, o territorio quedou en mans de Massinisa, o rei de Numidia e aliado das tropas romanas en distintas batallas.

Na historia de Salustio seguimos a traxectoria do seu fillo adoptivo Iugurta e vemos non só a súa crueldade senón a capacidade dos senadores romanos para corromperse e tolerar calquera conduta salvaxe sempre que houbese ouro por riba da mesa. 

A política romana é intemporal. Dá igual que collamos a Salustio que a Tácito, Tito Livio ou a ese precedente do Sálvame coñecido como Suetonio: en todos imos atopar proxectados os nosos problemas e as nosas formas de actuar. O certo é que a civilización de Virxilio non deixou unha fonda pegada no filosófico, pero o noso dereito e os nosos usos democráticos están atravesados por actitudes e palabras que naceron no Foro e nos pazos daqueles togados que tan a xeito destaca ese personaxe contraditorio e xenial que foi Salustio.

OBRAS
Gayo Salustio Crispo
Editorial: Cátedra
Páxinas: 664
Prezo: 21,20 euros

Comentarios