Opinión

De bichos célebres

UNHA DAS mellores cousas dos éxitos editoriais non agardados é que convidan ás editoriais a afondar na bibliografía do autor que os protagoniza. Foi o caso do magnífico sobre as cores do ensaísta francés Michel Pastoureau, un texto delicioso que editou hai un par de anos Periférica e que debeu encaixar ben, xa que o selo regresa ao medievalista para un asunto ben diferente pero tamén orientado cara a divulgación
Adam y Eva
photo_camera Adam y Eva

Trátase desta vez dos animais e en concreto dos Animales célebres. Os seres humanos vivimos rodeados de fauna; pero nesta ocasión non falamos dun libro de zooloxía, senón dese xénero tan propio da Idade Media que é a miscelánea. Dentro da nosa relación cos bichos, milleiros deles acadaron a fama. Fixérono por vías diversas: a lenda —por exemplo, a loba que deu orixe a Roma ao alimentar a Rómulo e Remo—, a mitoloxía —o Minotauro de Creta, morto por Teseo—, a relixión —a serpe que seduciu a Eva no Paraíso Perdido da Biblia—, a peculiar historia dos tempos antigos —os porcos os que en Francia se xulgaba, torturaba e executaba por consideralos culpábeis da morte de nobres que sufrían accidentes ao bater contra eles—, a fábula, a literatura, os medios actuais (Mickey Mouse) e mesmo a ciencia máis actual —a ovella Dolly, famosa a finais do milenio pasado ao se converter no primeiro ser vivo que os humanos puidemos clonar—.

Da man de Pastoureau repasamos estes casos e moitos máis, todos eles cunha linguaxe amena e un ton que fai que pasemos páxina tras páxina. A comprobada habilidade do autor para o manexo da anécdota volve ser evidente. Non se trata de esgotar o tema, nin sequera de facer fondos ensaios sobre cada un dos animais, senón de relatar un conto e, cando é preciso, aclarar o que veu despois. Dito isto, non faltan análises de interese sobre certos temas, como cando o autor constata un evidencia que pode ser subversiva: o xigantesco Obelix e os seus xabarís ocuparon no imaxinario colectivo o lugar principal dos cómics de Asterix e adiantaron ao pequeno galo e tamén ao minúsculo Idefix.

Se deixásemos o asunto aquí, porén, estariamos a agochar certos aspectos da obra ao futuro lector que o poden botar para atrás. O máis evidente é a condición de francés do seu autor. Obviamente non é mala de seu… pero débese ter en conta que boa parte do narrado pertence ao imaxinario cultural do país galo e, polo tanto, está afastado das culturas española ou galega. Polo tanto, non imos atopar referencias que serían evidentes nun libro escrito para este mercado, caso dos imprescindíbeis cabalos Babieca e Rocinante, ou o oso anónimo que papou ao rei astur Favila, o fillo do famoso Pelayo. Persoalmente, prefiro a versión orixinal… pero o certo é que o costume é facer adaptación nestas cuestións.

Tamén podemos atopar algúns pequenos desfases de tradución debidos a un feito do que o lector só é consciente ao chegar ao final: a obra orixinal de Pastoureau ten practicamente vinte anos de idade. Isto fai que nos últimos capítulos atopemos referencias inmediatas ao cambio de milenio e aquela época que o lector atento atopará estrañas. En calquera caso, nada que impida gozar das anécdotas cheas de humor e erudición de Pastoureau e mesmo lamentar que a obra non sexa moito máis ampla para engadir horas ao noso pracer.

Comentarios