jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

De gañadores e perdedores

Un soldado soviético
Un soldado soviético

SE LLES PREGUNTO quen gañou a Segunda Guerra Mundial, responderanme que Os Aliados. Ben, correcto. Pero, e se complico un pouco máis a pregunta? Dentro dos Aliados… quen foi o principal responsábel da derrota de Hitler e a salvación da liberdade en Europa? Probabelmente me respondan que os Estados Unidos. Resposta lóxica que agocha os efectos da propaganda. Segundo a web especializada en asuntos internacionais El Orden Mundial, o gañador da Segunda Guerra Mundial foi… Hollywood.

Estas preguntas que veño de formularlles como limiar fixéronse en Francia durante décadas e as respostas son reveladoras. En 1945 o 54 por cento da poboación francesa cría que os soviéticos realizaran o meirande esforzo no conflito; en 2005, o 58 por cento daqueles que contestaron a enquisa crían que foran os estadounidenses os principais responsábeis de vencer ao tirano do bigotiño. O papel da propaganda cinematográfica e, en menor medida, das historias anglosaxonas resulta obvio nun troco de perspectiva tan radical.

Vén a conto o asunto porque está xa nas librarías ‘El contraataque aliado’ de James Holland, segundo volume da súa triloxía sobre a Segunda Guerra Mundial e que previsibelmente rematará noutro par de anos. O autor acaba de publicar en inglés un libro sobre o desembarco de Normandía, que se deduce unha pola da mesma árbore investigadora. Edita Ático de los Libros, un selo que dende hai uns anos deixa espazo a traducións de moita calidade sobre o tema bélico.

O primeiro tomo da obra de Holland xa pasou por estas páxinas e nelas debuxamos as súas principais características: especial atención aos detalles de loxística e armamento, con traballadas descricións de aspectos como a facilidade de produción dunhas armas fronte outras; uso de diarios e testemuños para fuxir do relato oficialista e pegarse ao terreo; mestura de distintos fíos narrativos en cada un dos capítulos, o que en certa maneira esixe ao lector ou coñecemento previo ou capacidade para reter detalles durante a lectura; e, por último, amplitude xeral, xa que estamos perante unha obra que en conxunto vai marchar cara as 3.000 páxinas, o que ofrece unhas posibilidades inalcanzábeis se se compara cos libros que tratan de condensar toda a guerra nun só volume.

Porén, a polémica vén neste caso na tese escollida por Holland e enunciada xa no limiar, unha tese que se repasamos a autores fundamentais coma Weinberg ou Michel resulta como pouco chauvinista: aínda que a historiografía tradicional considerou chave o fracaso de Alemaña ao invadir a Unión Soviética, a realidade é que foron as batallas do norte de África as que fixeron xirar o conflito a favor dos Aliados. A consecuencia práctica deste argumento é que o autor describe polo miúdo todo o que ocorreu en Bir Hakeim, Tobruk ou El Alamein e despacha cunhas poucas páxinas espalladas acó e aló, por exemplo, o cerco de Stalingrado.

A Historia, contra o que moitos cren, débese concibir como ciencia e practicarse como tal, porque ao non facerse deste xeito remata por se converter en propaganda. Dende o mundo anglosaxón, tal como amosan os datos que teñen ao principio desta peza, hai décadas que existe un esforzo por minguar a decisiva contribución do Exército Vermello á derrota dos nazis, consonte a acontecementos posteriores que nada teñen que ver con Kursk, Stalingrado ou Leningrado. Mágoa que estas ideas poñan un lastre fundamental a obras que, cun chisco máis de obxectividade e reflexión sen prexuízos, poderían salientar no medio da xigantesca bibliografía dun suceso que aínda afecta ao noso día a día nos asuntos internacionais.

De gañadores e perdedores
Comentarios