martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

Da persoa ao monstro

John Wayne Gacy
John Wayne Gacy

MALIA SER profesor de Literatura, o curso pasado tiven que impartir clases de Historia. Cando un enfronta esa disciplina é inevitábel contar certos sucesos aos alumnos, por exemplo os magnicidios. A miña experiencia sobre o tema é que a reacción do alumnado soe ser algo semellante a "Pero quen pode estar tan tolo como para facer iso?". A todos, rapaces e adultos, nos tranquiliza pensar que os que matan son psicópatas… pero cando un coñece persoas que asasinaron a outras descobre unha aterradora normalidade.

Os psicópatas ou asasinos en serie son unha materia especial. Por fortuna hai poucos e a análise da súa historia e conduta trae de cabeza aos expertos dende hai décadas. Chega agora ás librarías españolas Hijos de Caín, unha historia dos asasinos en serie e os factores que determinan as súas actuacións e a súa natureza. Escribe Peter Vronsky, experto no tema e profesor de Historia por demais, e publica a editorial Ariel.

Se o lector procura algo semellante ás crónicas do famoso xornal El Caso ou quere coñecer as andainas de coñecidos asasinos en serie como Jeffrey Dahmer ou Henry Lee Lucas, este non é o seu libro. Os criminais máis famosos do século XX non se tratan de xeito individual senón colectivo, no marco dunha teoría que trata de explicar por que houbo un pico deste tipo de crimes entre os 60 e os 80. A teoría de Vronsky é orixinal e, baixo o punto de vista do profano, plausíbel: estes asasinos foron en Estados Unidos o produto das neuroses de guerra (Alemaña, Corea, Viet Nam) e do aínda insuficiente desenvolvemento das medidas de investigación e seguimento das desaparicións. Dito doutro xeito, nos 70 un tipo podía percorrer todo o sur dos Estados Unidos sen deixar pegada e a desaparición dunha ou doutra prostituta nin preocupaba a ninguén nin tampouco deixaba restos en xeral.

Á marxe do histórico, a maior achega de Vronsky atópase no establecemento dunha serie de trazos comúns que contribúen á aparición do criminal en serie

No que si se detén o autor é na conformación da ciencia da criminoloxía e do estudo das psicopatías criminais, ambas produto do final do século XIX. O caso estrela, evidentemente, é de Jack o Destripador, o famoso asasino londinense —ao que aplica unha técnica, a de xeoperfilación, de grande interese—, pero aparecen varios casos en toda Europa e en especial o de Joseph Vacher. Foi este un asasino de pastores da Francia do século XIX e para atrapalo o fiscal Fourquet aplicou o primeiro modelo de colaboración entre departamentos a través de perfís estandarizados.

Á marxe do histórico, a maior achega de Vronsky atópase no establecemento dunha serie de trazos comúns que, sen seren deterministas, contribúen á aparición do criminal en serie. Afastado de posicións estritamente conectadas ao psiquiátrico, opta por unha mestura de teorías patolóxicas, antropolóxicas —o cerebro reptiliano, concepto desacreditado noutros campos—, históricas e sociais.

Dentro destas últimas destacan as familiares. Como noutras moitas cuestións, por exemplo a educación, o factor do contorno inmediato é fundamental. Tal e como demostra Vronsky, boa parte dos asasinos en serie son vítimas infantís que chegaron cunha fonda pegada á idade adulta, marcados pola orfandade, os abusos, os atrancos económicos e outras deficiencias de carácter afectivo. Ocorre que dentro destes perfís aparecen as excepcións e, cando falamos de criminais, isto é inquedante. Cada vez menos, pero aínda camiñan entre nós, como na escena paradigmática da normalidade asasina: a primeira dama estadounidense Rosalynn Carter —esposa de Jimmy Carter— agasallada polo pallaso de circo John Wayne Gacy en maio de 1978. Seis meses despois, a policía atopou 26 corpos podres nunha cámara subterránea da vivenda de John.

Da persoa ao monstro
Comentarios