jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

E moitos francófilos

UN BO AMIGO —o que imos manter no anonimato— e máis eu vimos de crear O estándar umaroli. Pode parecer pedante, pero asegúrolles que é unha etiqueta moi necesaria para certo tipo de libros. Marc Fumaroli é, ousarei dicir, arestora o home de cultura máis prestixioso de Francia, de feito o definidor do actual estado cultural galo. E ademais un home dunha cultura vastísima e en certo modo periclitada, xa que poucos agora posúen ese mundo de referencias clásicas sobre o Renacemento, o Barroco e a Ilustración. Polo tanto, os seus libros —sobre todo, os seus últimos libros— son accesíbeis esencialmente só para eruditos e endogamicamente franceses.

Ocorre que a endogamia francesa está moi ben, pero xornalisticamente resulta pouco atractiva para os lectores. E que ocorre nas traducións e críticas? Pois algo aínda máis curioso dende o meu punto de vista. Pensemos en Historia del silencio de Alain Corbin, que vén de publicar a editorial Acantilado. Trátase dun ensaio breve que está a recibir comentarios entusiasmados en distintas webs e xornais, unha lectura acaída para o verán e filosoficamente suxestiva nuns tempos nos que o ruído o domina todo.

A cuestión non é se o ensaio de Corbin é bo. É excelente. Está nunha liña da literatura comparada, a Tematoloxía, un chisco esquecida nun tempo de dominio dos estudos sobre feminismo, poscolonialismo ou outras proxeccións do social no literario, pero sempre produtiva, como demostraron hai tempo os manuais de Elisabeth Frenzel. O silencio como motivo literario e cultural ten unha longuísima tradición e permite autor conectar as letras coa filosofía e sobre todo coa relixión, con pasaxes excepcionais sobre Juan de la Cruz ou Ignacio de Loiola e sobre os novelistas cristiáns de principios do XX en Francia —que son multitude— en especial Georges Bernanos e o seu Monsieur Ouine ou François Mauriac. Iso sen mencionar as excursións pola pintura, a de Friedrich sen ir máis lonxe.

A pregunta que un fai, con todos os respectos, é sobre a cantidade de francófilos que hai nas ringleiras da crítica española. Como vimos de explicar, o ensaio de Corbin móvese no terreo da alta cultura, con múltiples referencias a autores en xeral pouco coñecidos e editados neste país —partimos da base de que mesmo André Gide está pouco e mal editado en español—. A plena comprensión do que di o autor demanda un coñecemento da literatura francesa do século XX —e doutras literaturas— que non posúen demasiadas persoas. De feito quen isto escribe non o ten.

Hai unhas semanas asumíamos como nosa unha tese de José Luis Villacañas: o triunfo de certas obras pseudo históricas está relacionado coas baixas esixencias culturais de boa parte do sistema literario —e político, e mediático, e…— español. Por non nos levar a contraria, diremos agora que Historia del silencio é un ensaio para minorías, polo cal dificilmente podería converterse na deliciosa novidade que moitos venden e que sen dúbida merecería ser.

E isto lévanos a sospeitar, de novo, dos intermediarios do sistema, que en non poucas ocasións tenden a actuar como o matemático Hilbert cando foi tribunal na tese de Johnny von Neumann. A exposición do segundo foi tan irrebatíbel que o primeiro só articulou o seguinte: "Só teño unha pregunta para o doutorando: onde fixo ese traxe? É o traxe con mellor feitura que nunca vin". O exceso non é bo case que en nada e dende logo no eloxio aínda menos. Constatemos a calidade do libro de Corbin e a excelencia de Acantilado e recoñezamos tan calorosa acollida ten un punto artificial que desleixa o exercicio da crítica literaria.

E moitos francófilos
Comentarios