jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

En defensa do humanismo

LÍALLE A un coñecido e euxenésico articulista da prensa de dereita e ultradereita hai uns días que Steven Pinker estaba á volta da esquina, a piques de pisar Madrid, e que xa verían vostedes as cruces que facía ao atoparse cos independentistas e os comunistas gobernando España e manipulando unha inocente sociedade, representada por cidadáns honrados e liberais que só queren ter a festa en paz, que dirían os de Jarcha. Cousas que pasan cando un se fai famoso: todos queren levar a auga ao teu muíño.

Pinker é un vello coñecido desta columna, un dos pensadores máis influentes da actualidade, un home quen de conectar a súa vocación científica —é un grande especialista en neuropsiquiatría— cunha análise dos beneficios que tería a aplicación do paradigma da ciencia aos problemas do día a día. Os seus últimos libros, publicados en España por Paidós, foron relativos éxitos de vendas —todo o exitoso que pode ser un ensaio sobre a evolución da violencia na historia, por exemplo— e o mesmo suponse que ocorrerá con En defensa de la Ilustración, no que abre o plano respecto a "Los mejores ángeles de nuestra naturaleza" e vai un paso máis alá: non é só que vivamos nun mundo menos violento, senón que vivimos nun orbe que mellora paseniño, pero sen pausa grazas a unha serie de ideas concentradas baixo as etiquetas de Ilustración e Humanismo.

Non é unha tese que estea precisamente de moda. Recibimos a todas horas novas que falan do derrubamento da sociedade occidental, das traxedias ecolóxicas, dos crimes dos radicais relixiosos, da discriminación das mulleres, da pobreza en África ou Centroamérica. É moi difícil subtraerse a ese discurso da negatividade, xa que ademais é interesado posto que beneficia ao sector da sociedade que non defende a razón, a ciencia, o humanismo e o progreso.

Pinker esmaga os prexuízos con cifras e ponnos ante os ollos o sesgo de dispoñibilidade: a tendencia que temos a xeneralizar a partir das nosas experiencias máis inmediatas ou de novas axeitadamente seleccionadas polos medios de masas. Ao mellor o devandito articulista, por exemplo, quizais quedaría sorprendido ao saber que o profesor Pinker defende posturas sobre aborto, ecoloxismo, eutanasia ou relixión moi próximas ás dos podemitas, pintados hai anos coma un demo de Risco na prensa española.

É verdade: vivimos nun mundo moito mellor có dos nosos antergos. Se nos preguntasen en que época da humanidade quereriamos vivir coa salvedade de que non sabemos nesa época a que clase social ou país pertenceríamos, sería de parvos escoller outro mundo que non fose o do século XXI. Malia todo, agroman dúas preguntas inquedantes. A primeira é se os procesos de eliminación da pobreza ou a violencia non poderían ter ido moito máis rápido e aforrar moitos sufrimentos á humanidade.

A segunda é se este discurso positivo e compracente non pode ser prexudicial para manter o dominio da razón. Dende diversos eidos atácase ao humanismo, á cultura científica e á filosofía ilustrada. O defender que vivimos no mellor dos mundos posíbeis sen desmontar o discurso da apocalipse semella unha estratexia que pode levar ás sociedades ao abismo, xa que os relixiosos, relativistas, racistas e violentos están ben organizados e contan con altofalantes para espallar un discurso de odio que, por desgraza, calla de xeito máis sinxelo nas sociedades occidentais cós números e argumentos do autor.

En calquera caso, a obra de Steven Pinker, coma sempre, preséntase como un oasis de intelecto, reflexión e valores no medio da cultura do pesimismo e o consumo cultural lixeiro. Paga e moito a pena dedicarlle horas de lectura e tirar dos fíos que propón para a analizar o complexo contexto que nos rodea.

En defensa do humanismo
Comentarios