jueves. 01.10.2020 |
El tiempo
jueves. 01.10.2020
El tiempo

A ética desaparecida

Graham Greene
Graham Greene

O PANORAMA novelesco europeo de hai apenas un par de xeracións era moi distinto ao actual. É coñecido, polo seu estrépito, o fracaso do realismo socialista e a novela propagandista de esquerdas: boa parte das súas mellores plumas desertaron sen mirar atrás.

Moito máis silandeira foi a desaparición da corrente que podemos denominar ‘novela católica’: simplemente esmoreceu, sen escándalo, subida dacabalo da secularización da maior parte da vida cultural nas sociedades occidentais e, en particular, europeas.George Bernanos, François Mauriac… e, sobre todo, máis en canto a popularidade ca en valor da súa arte, Graham Greene, de quen Libros del Asteroide editou para o verán El revés de la trama. A vida de Greene foi moi peculiar e de feito está de actualidade cultural por unha razón ben distinta: o verán, coa súa falla de novas, é sempre terreo abonado para historias sobre o seu xefe no servizo segredo británico, Kim Philby, quen resultou ser un dobre axente dos soviéticos e o espía máis famoso da historia.

No título en español perdemos unha das chaves interpretativas da novela. O orixinal The heart of the matter —que poderiamos traducir literalmente coma O corazón do asunto —evoca inevitabelmente a Conrad e o seu Corazón das tebras. Greene estivo destinado en Serra Leoa e alí se desenvolve a obra… pero non atopamos viaxes ao corazón dun continente atacado por forzas telúricas e europeos sen escrúpulos.

Para o lector das novelas clásicas de Greene, 'El revés de la trama' aparece como lenta e de resolución previsíbel

Estamos perante un enredo máis prosaico e con menos voo que evoluciona, como é típico nas novelas de Greene, a un caso de conciencia. Freetown é lugar de paso fundamental durante a Segunda Guerra Mundial e os axentes ingleses deben estar moi pendentes do contrabando, unha actividade alimentada no país polos ambiguos comerciantes sirios, que controlan o principal recurso do país: os diamantes. Un deles é o protagonista, Scobie, quen vive un matrimonio infeliz e tenta enviar á súa dona a Suráfrica, un territorio moito máis amábel para os colonizadores, para o que entra en escuros negocios. Unha vez que a dona marcha aparece en escena outra muller e con ela ese problema de conciencia, resolto de xeito tan trágico como disimulado.

Para o lector das novelas clásicas de Greene (O terceiro home ou O poder e a gloria), El revés de la trama aparece como incribelmente lenta e de resolución previsíbel. Ata ben pasado o cento de páxinas non mete Greene a panca que vai mover o resto da acción… e cando se produce a (inevitábel) conversa do protagonista cun sacerdote católico ata o lector máis despistado sabe como vai rematar o asunto. O conflito interior, situado nunha trama lixeira, semella artificial e maniqueo, algo que resulta típico de Greene, converso católico nun país, Inglaterra, que durante séculos amosou unha pouco disimulada hostilidade contra aqueles que preferían a autoridade do Papa á do rei.

Xa que logo, por que ler a Greene e esta novela? En boa medida, por ser o testemuño dun mundo e unha ética desaparecidos. Despois da marcha dos británicos Serra Leoa quedou convertida noutro estado fracasado máis de África e na actualidade compite por non ser o país máis pobre do mundo —iso si, cheo de diamantes—. En Inglaterra segue a haber católicos, máis non son precisamente relevantes nin dende o punto de vista ideolóxico nin dende o cultural. De feito, os problemas e debates interiores dun Greene e antes un Newman aparecen agora como algo arcaico e artificial na comparación coa problemática social e persoal que amosan as novas voces africanas da literatura inglesa, caso dunha Zadie Smith cos seus Dentes brancos.

A ética desaparecida
Comentarios