Opinión

Fobias e filias

NON SE PODE negar que o maior fenómeno editorial español dos últimos anos é Imperiofobia y la leyenda negra de Elvira Roca Barea, que non apareceu por esta sección porque para falar de panfletos están as barras de bar; non as páxinas culturais dos xornais. 

Maine
photo_camera Maine

O LIBRO E AS SÚAS teses só podían entenderse en dous marcos contextuais: o ascenso da extrema dereita en España e o particular funcionamento dos grandes grupos mediáticos, orientados tamén cara posicións de dereita difíciles de atopar na Europa coa que sempre andamos a compararnos.

Os argumentos que veño de expoñer poderían semellar subxectivos e pouco científicos así presentados, pero están xeneralizados dentro da historiografía española. E boa mostra disto é a aparición de Imperiofilia de José Luis Villacañas, demolición absoluta e cientificamente rigorosa das exposicións rocabareístas. Edita Lengua de Trapo —cunha serie de grosos errores en tipografía e tabulación de parágrafos que sen lugar a dúbidas se poderán corrixir nas futuras edicións que, sen dúbida, haberá—. Poucas persoas máis cualificadas para levar a cabo a tarefa de desmontar o revisionismo histórico ca Villacañas, catedrático de Filosofía na Complutense e excepcional historiador das ideas políticas en España.

O autor dá nas primeiras páxinas do libro a chave para entender o éxito de Imperiofobia: certas elites de España —as elites de España, corrixiría o crítico con todos os respectos— teñen unhas esixencias culturais mínimas e estanse a enfrontar a un mundo que nin entenden nin saber dirixir, polo que precisan unha lexitimidade que non pode saír das súas ideas, moralmente reprobábeis e retrógradas dende calquera óptica civilizadora que se utilice. E aí está a Historia —terxiversada, por suposto— para fornecer esa lexitimidade.

Se o libro de Roca Barea é mediocre, como demostra Villacañas, é pola súa concepción mesma: no canto de seleccionar unhas hipóteses, analizar os feitos e validalas; presenta unhas conclusións inmutábeis de antemán ás que se teñen que adaptar os feitos. E todo aquel feito que non se adapte á conclusión, queda fóra, xa dende o presuposto inicial: non interesa estudar os imperios británico e árabe; dous dos eixos do mesmo concepto de imperio tal e como establecen obras de referencia que xa pasaron por esta columna, como as de Burbank ou Kumar... Por que? Porque se se incluísen o esquelete mesmo do libro derrubaríase.

Dous aspectos chaman a atención en particular. En primeiro lugar, o mesmo concepto de imperiofobia, que como ben sinala Villacañas é toda unha inversión do racismo. Pensan vostedes que un dos grandes problemas do mundo é que unha serie de nacións occidentais explotaron outros continentes e masacraron a millóns de persoas? Pois, segundo o novo pensamento histórico español, están errados: o verdadeiro problema son as ideas negativas que os masacrados xeraron e xeran contra os seus verdugos. Cousas veredes.

O segundo aspecto no que Villacañas esnaquiza a Roca Barea ten que ver coa identificación entre a catolicidade e España. Para chegar ás súas conclusións, a imperófila precisa transformar en ataques a España todos os ataques ao catolicismo, moi abundantes coa Reforma e aínda máis —con outra perspectiva— coa Ilustración. Isto lévaa a incoherencias como rematar por considerar España un país filosemita... cando moitos xudeus da diáspora aínda arestora consideran que existe un anatema contra o regreso ao lugar de onde se expulsou ao pobo elixido en 1492.

E así poderiamos estar todo o día, de parvadas en lendas negras e de acusación en acusación até facer estoupar o argumento lóxico do tu quoque. O caso é que nesta triste España intelectual dominan as imposturas e non a seriedade científica de autores como Villacañas, o que á súa vez deixa pouco espazo á mellora da cultura política e a cultura en xeral.

Comentarios