lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

Igualitarismo

SE NON leron Rebelión na granxa, deberían facelo, aínda que só sexa para atopar unha das sentenzas máis famosas da historia da literatura e a política: "Todos os porcos son iguais, pero algúns porcos son máis iguais ca outros". É un bo resumo, aínda que tendencioso de máis, do funcionamento do igualitarismo e o asemblearismo. Como di Homer Simpson, «en teoría, até o comunismo funciona. En teoría"

OCORRE QUE a cuestión da igualdade pasou a ocupar un lugar prominente nos debates públicos sobre economía e sociedade precisamente polo aumento das desigualdades e pola xustificación implícita e explícita que fan dela certos movementos políticos ­—etiquetados como populistas pero neoliberais ou  vencellados á extrema dereita—. Para loitar contra isto publica Seix Barral Contra la igualdad de oportunidades do sociólogo asturiano César Rendueles, unha voz que nos últimos anos tomou relevancia en certas cabeceiras de prensa polas súas análises sobre a educación e a igualdade.

A portada do libro minte en dous aspectos. O primeiro é tan obvio coma provocador: o autor non está en contra da igualdade de oportunidades como tal, senón do uso bastardo que se lle dá a esta expresión nos últimos tempos. Boa parte dos discursos políticos igualitaristas, desta vez en todo o espectro político, de esquerda a dereita, baséanse nunha meritocracia que consiste nun sistema universalizado de educación —sempre a educación— que permite que quen ‘vale’ tome o ascensor social e quen non vale obteña unha formación de mínimos.

Rendueles argumenta e constata o obvio: que a desigualdade debe existir... a favor daqueles máis desfavorecidos, xa que unha política de igualdade que non ten en conta a situación de partida o que consegue e consolidar as diferenzas. É o mesmo principio que subxace aos impostos indirectos coma o Ive ou ás axudas directas por fillo, medidas económicos que apenas redistribúen a riqueza.

Hai razóns máis que sobradas para defender un igualitarismo radical tanto dende o punto de vista ético coma dende posicións economistas ou ambientais

O segundo aspecto no que minte a portada, neste caso de xeito piadoso, é no subtítulo escollido: Un panfleto igualitarista. Dende logo non nos atopamos diante dun panfleto se, como tal, entendemos un "folleto de propaganda política ou de ideas de calquera clase" —a definición non é da insigne María Moliner— senón nun ensaio con todas as letras e de certa dificultade. A diferenza non é banal. Se se tratase dun panfleto chegaría a un público maior e a linguaxe sería máis directa, namentres que o ensaio chega a menos xente e usa unha argumentación máis complexa, con abondosas referencias á literatura científica.

Alén da linguaxe e o xénero escollidos a pregunta que deben facer o crítico e o lector é se a obra cumpre co obxectivo de convencer da necesidade dun cambio de mentalidades. A resposta é claramente afirmativa, a pesares da falla de medidas concretas para facer efectivo ese troco, algo que supera con moito as posibilidades dun libro así e que quizais sería máis apropiado para o xénero da utopía.

Hai razóns máis que sobradas para defender un igualitarismo radical tanto dende o punto de vista ético coma dende posicións economistas ou ambientais. Acontece que a política para o 2021 semella estar situada nas mesmas coordenadas que no 2020: as propostas moderadas de igualdade reciben a consideración de extrema esquerda —iso de "a cadaquén segundo as súas necesidades e de cadaquén segundo as súas posibilidades" é pura subversión, disque) namentres que o racismo ou a explotación económica etiquétanse como ‘populismo’ ou ‘dereita moderada’. Dado que os poderes para cambiar a sociedade, como ben sabe Rendueles, están neste segundo grupo non podemos menos que augurar á obra unha boa vida nas librarías e un nulo impacto social a longo prazo.

Igualitarismo
Comentarios