martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

Lectura e consulta

PUBLICOUSE estes días nun xornal nacional un artigo, asinado polo historiador político Fernando Vallespín, sobre a desaparición dos intelectuais e a súa substitución polos expertos ou, peor aínda, polos tertulianos -como isto é un castelanismo, propoño como alternativa falabaratos-.
2019091013593725000
2019091013593725000

Un dos trazos de ámbolos dous personaxes é, tal e como sinala o autor, a especialización. Tempo hai que desapareceu das facultades e das aulas o perfil de profesor ou intelectual que controlaba en profundidade o seu tema, e substituíuno o especialista. Ao primeiro, nun autor; despois, nunha obra dese autor; a continuación, nun aspecto fundamental desa obra; ao esgotarse estes, nos aspectos tanxenciais. Dentro dun par de décadas xa non haberá expertos en Lope de Vega, poño por caso, senón nas figuras dos alcaldes nas comedias lopescas da segunda etapa.
Vén todo isto a conto de que aínda hai quen evita a tendencia e segue a escribir -ou reescribir- e editar obras enormes, que serven para a consulta, pero tamén para a lectura pola súa escrita fluída e a capacidade para construír unha narrativa que abranga todo o que unha persoa culta debe saber dunha materia. Por exemplo, a música. E aí temos a ‘Historia de la música occidental’ da que Alianza vén de tirar unha novena edición, actualizada até as plataformas de vídeos en rede e as  aplicacións de música en streaming.

E non os vou enganar: a isto dedicou un servidor boa parte do verán, época do ano excelente para tapar lagoas culturais e intelectuais na medida do posíbel. Precísase moito tempo para consumir e dixerir as máis de 1.400 páxinas dun libro que non é precisamente de peto. E ademais de certo tempo, coñecementos. Estamos ante unha obra na que collen dúas experiencias lectoras ben diferentes.

A primeira é a do lector con formación musical previa, aínda que sexa básica. Este poderá aproveitar a fondo as descricións complexas, sobre todo dos primeiros centos de páxinas, dedicados á música medieval, parente pobre duns repertorios que decote comezan na música de finais do século XVI ou do XVII. Tamén unha bibliografía moi ampla e unha canonización que chega a pasar a un plano relativamente secundario -dentro do estelar, loxicamente- a algúns dos compositores máis coñecidos para o grande público, caso de Mozart.

Existen poucas obras sobre música no mercado non especializado, ao alcance de calquera que poña o pé nunha libraría

A segunda experiencia –a que un servidor gozou– é a do profano e aínda que dela se tire menos proveito, segue a ser digna de mención. Neste caso quizais se poda zugar máis dos capítulos de historia da música, os contextos, as biografías de autores e, en especial, dos apartados dedicados á lectura de fontes, documentos de época que permiten que o lector coñeza sen intermediarios cal era o pensamento musical, estético e social que se agochaba detrás dunha composición calquera. Pero isto non significa que sen coñecemento previo non se poda chimpar ás descricións máis complexas, simplificadas cunha evidente vocación docente e aclaradas por un glosario amplo e ben deseñado.

De seguro hai obras no mercado coas que se introducir máis paseniño no mundo da música, pero o certo é que existen poucas no mercado non especializado, ao alcance de calquera que poña o pé nunha libraría. Ese é tamén o valor da Historia de Alianza, que leva nos andeis dende 1984 e debería seguir neles algunhas décadas máis, a resistir os empurróns da modernidade líquida, da desaparición dos intelectuais e dunha industria musical que, segundo os que saben, cada vez tende máis ao produto perecedoiro e de baixa calidade, consciente de que sexa bo ou malo desaparecerá da circulación en poucos días ou semanas.

Lectura e consulta