Jueves. 19.04.2018 |
El tiempo
Jueves. 19.04.2018
El tiempo

Loxística

"A bibliografía sobre a Segunda Guerra Mundial é a máis complexa de tratar para o estudoso"

CREO QUE non é esaxerado dicir que a bibliografía sobre a Segunda Guerra Mundial é a máis complexa de tratar para o estudoso. Nun período de seis anos —que pode estenderse ata os oito se se atende a causas e consecuencias máis inmediatas— concentráronse tal cantidade de acontecementos que a súa recollida nas páxinas da historia multiplícase de forma exponencial.

Cando os meus amigos preguntan decote fago unha petición que hoxe lles traslado aquí: "Elixe lonxitude". Anos de lecturas leváronme a dividir os libros sobre o tema segundo o criterio básico da extensión: están as obras nun volume —a de Gerhard Weinberg ou a de Henri Michel, por desgraza ambas esgotadas nas traducións españolas—, as grandes enciclopedias e as triloxías (Rick Atkinson). A esta última categoría pertence a obra de James Holland, da que agora se traduce ao español o volume I, El auge de Alemania (1939-1941). Na lingua orixinal aínda queda por publicar o volume III, polo que o lector terá que ter unha boa dose de paciencia para vela compta.

Como experto autodidacta no tema, o comezo da triloxía de Holland non foi realmente esperanzador: non me gusta a historia que obvia as causas do acontecemento nin tampouco aquela que pasa por riba de escenarios alleos ao interese do lector. O autor escribe dende o mundo anglosaxón e quere chegar canto antes á Fronte Occidental, así que o casus belli, a invasión de Polonia, queda despachado nunhas poucas páxinas e cunha superficialidade impropia da que pretende ser unha obra de referencia.

Por seguir cos defectos, tampouco me gusta demasiado o enfoque xeral da invasión de Francia, derivado da tese xeral da obra, que é que en realidade os nazis nunca tiveron opción algunha de gañar a guerra e que os seus éxitos militares no período 39-41 foron pouco menos ca unha casualidade produto da pouca preparación dos seus adversarios. O sentido de inevitabilidade do triunfo aliado que transmite o autor choca co medo que comunican os testemuños dos civís que recolleu para dar un toque humano ao seu relato.

Outra virtude, que o mesmo Holland se encargou de resaltar, é unha visión diferente da arte da guerra

Esta quizais é a característica máis salientábel do traballo de James Holland, a capacidade para se mergullar na enorme bibliografía xerada por todos aqueles que viviron o conflito e escolmar aqueles testemuños de interese maior para dar corpo ao seu relato. Á marxe de políticos como Churchill ou xenerais como Göring atopamos escritores como Roald Dahl —cos seus atrancos para encaixar o seu corpachón na estreita cabina dos avións de combate británicos— e persoal civil.

Outra virtude, que o mesmo Holland se encargou de resaltar tanto no relato como nas entrevistas de promoción que fixo hai un tempo en España, é unha visión diferente da arte da guerra. Sen desbotar os aspectos estratéxicos ou operativos, chama a atención o seu coidado ao describir a loxística dunha guerra tan enorme. Atopamos descricións excelentes sobre as virtudes e defectos dos uniformes de cada exército, as súas ametralladoras ou os seus vehículos pesados.

Desa atención ao loxístico xorde en realidade a tese da obra, xa que o autor deixa ben claro por exemplo que, por bos que fosen os Panzer ou certas armas de artillería, a súa produción en masa ou o seu mantemento eran imposíbeis para un país como Alemaña, que non tiña acceso aos enormes recursos dos Estados Unidos ou o Imperio Británico. Nin para o lego poden resultar atafegantes estas páxinas, escritas cunha pluma escintilante, e grazas a elas o lector español entra no mundo bélico e terríbel e non pode máis que agardar a publicación dos seguintes tomos da obra.

Loxística
Comentarios