domingo. 24.01.2021 |
El tiempo
domingo. 24.01.2021
El tiempo

Máis de pandemias

DESPOIS DO confinamento da primavera, chegou a segunda onda. Algúns vaticinan xa unha terceira co intento de salvar economicamente o Nadal. O caso é que canto máis dura esta situación distópica máis libros se editan sobre medicina en xeral e sobre pandemias en particular. Iso si, sen que ningún chegue ás alturas artísticas e humanas do Diario do ano da peste de Daniel Defoe, sobre a peste negra de Londres en 1665

O referente máis achegado para nós, citado decote mesmo polos nosos gobernantes nacionais e autonómicos, é a gripe española de 1918, aínda que as diferenzas no estado das sociedades e os estudos médicos sexa considerábel. A ela téñense dedicado moitas obras. A máis recente é senlleira é a de Laura Spinney, que xa pasou por estas páxinas, pero o grande clásico no mundo anglosaxón é La gran gripe, de John M. Barry, que agora edita Capitán Swing (un selo que está a desenvolver unha intensa actividade dacabalo da pandemia e as eleccións nos Estados Unidos).

As dúbidas sobre a orixe da gripe española —que, como é sabido, non naceu en España senón que foi onde se difundiron as novas ao estar a prensa censurada en moitos países pola Primeira Guerra Mundial— semellan xa resoltas: non se orixinou en China ou en Europa, como se creu nun principio, senón preto dun campamento militar en Kansas, o que a levou un tempo despois a Francia e Serra Leoa nas forzas expedicionarias que ían combater na Gran Guerra.

Barry tomou esta hipótese por boa e, polo tanto, comezou o seu libro cunha longuísima exposición —quizais excesiva— do estado da medicina e a ciencia estadounidenses a comezos do século XX, con especial atención ao nacemento dos primeiros grandes administradores da ciencia, caso de Charles Eliot ou William Henry Welch. Gobernadores de universidades coma Harvard e Johns Hopkins, a súa actividade non se desenvolvía no laboratorio, senón na fervente sociedade civil estadounidense, da que trataban de extraer cartos e aplicacións para as súas pescudas.

O núcleo da obra atópase nos esforzos para deter unha segunda onda que, probabelmente a causa dunha mutación rápida do virus, era moito máis mortífera ca primeira.

O núcleo da obra atópase nos esforzos do exército e as autoridades civís —que en realidade dependían del— para deter unha segunda onda que, probabelmente a causa dunha mutación rápida do virus, era moito máis mortífera ca primeira. O interese para o lector español queda eclipsado por unha tendencia que se detecta noutros autores estadounidenses: a de pasar do internacional ao nacional e mergullarse nos detalles organizativos da institución militar, tan respectada alí. Dito doutro xeito, durante centos de páxinas vemos moitos militares e poucos científicos.

O final ten tres facianas ben distintas. A primeira, terríbel, a dos centos de miles de mortos nos Estados Unidos —millóns en todo o mundo, malia que Barry non lles preste a atención que si ofrece Spinney—. As outras dúas, as que tamén nos deben encher de esperanza nestes intres do século XXI. Por unha banda, aquela pandemia deu o pulo definitivo ás vacinas e en concreto fixo minguar con forza as mortes derivadas da gripe; por outra banda, deixou clara a necesidade existente nas sociedades occidentais contemporáneas de organizar a prevención e tomar medidas hixiénicas cos pacientes hospitalizadas.

A lección da publicación e a lectura é obvia. Como sociedade estamos a pasar duros intres pero hanse superar e deles ten que saír, responsabilidade do que antes se chamaban as forzas vivas, unha mellor ciencia e, derivada dela, unha mellor sanidade, que axude a que os nosos netos ou bisnetos non vivan no 2118 episodios coma o que estamos a vivir ou o que Barry relata con forza indubidábel nun clásico do ensaio sobre asuntos da saúde.

Máis de pandemias
Comentarios