martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Mar de Iris

O canon existe e os clásicos existen. Moitos estarán en desacordo con tan contundente afirmación, que leva xa un cuarto de século no candil da crítica grazas a O canon occidental de Harold Bloom. Foi o crítico de Yale, precisamente, un dos grandes responsábeis do prestixio crítico de Iris Murdoch, á que chegou a incluír ao pouco do seu pasamento entre as cen mentes literarias máis poderosas da historia da humanidade

Iris Murdoch. AEP
Iris Murdoch. AEP

PARA IRIS Murdoch, o mesmo que para Bloom, o peso da tradición era considerábel. Declaraba nunha entrevista concedida xa na vellez, en 1988: "O meu problema é que non estou entre os mellores. Estou nas pequenas ligas, non entre os deuses coma Jane Austen e Henry James e Tolstoi. Os meus personaxes non son tan memorábeis coma os seus". Resulta significativo que nin sequera cite na resposta a William Shakespeare, a quen supoñemos que consideraba primeiro entre pares.

Iris Murdoch está de centenario, xa que naceu en Dublín en 1919. Os lectores de Swift saben da especial relación entre Irlanda e Inglaterra, e as súas letras —representada pola illa voante de Laputa no Gulliver—. Yeats, Joyce, Beckett... a sagrada triloxía das letras de Éire non escribiu unha palabra en gaélico, igual có mesmo Swift. Malia todo, ninguén dubida xa en encadralos na literatura irlandesa, algo que dificilmente se pode facer con Murdoch, tanto por razóns temáticas como estilísticas. Tampouco por formación, xa que rematados os primeiros estudos marchou a Oxford a estudar Filosofía, con tanto éxito que quedou no Saint Anne’s College a ensinar esa mesma materia. De feito, a súa primeira obra non foi narrativa senón filosófica: Sartre (1953), pódese considerar un marco para o coñecemento do pope do existencialismo alén da Canle da Mancha.

As súas primeiras novelas afastáronse do que a priori debería ser o estilo de alguén con esa profundidade de pensamento: Baixo a rede, o seu debut literario, de 1954, mestura tons picarescos —na liña da novela inglesa de Henry Fielding ou Laurence Sterne— coa descrición de personaxes que dubidan entre seguir os seus impulsos sexuais ou a súa vocación relixiosa, todo un símbolo da relación entre natureza e sociedade. Moito máis difícil é clasificar a súa produción a partir de 1960, cando mestura o tema citado con outros de carácter máis melodramático, algunhas intrigas internacionais ou mesmo asuntos máis propios da literatura de consumo. Iso si, sempre cunha grande habilidade para trazar en profundidade os retratos dos seus personaxes.

Decote nas novelas de Murdoch atopamos unha frase lapidaria que adoita ser o corazón do narrado

E despois chegaron a enfermidade e a fama. Por esa estraña orde e sen ter ningunha das dúas cousas relación coa súa literatura. En 1994 "a dona máis escintilante da Gran Bretaña" enfermou de alzheimer, mal contra o que loitou cinco anos e especialmente dramático para alguén con tantas cousas que lembrar. Sabemos todo o que sucedeu grazas ao seu viúvo, John Bayley, que escribiu varios volumes de memorias nos que, obviamente, a súa dona tiña unha grande presenza.

O éxito dos mesmos, maior có de calquera novela da Dama Murdoch, fixo que se adaptasen ao cinema baixo o título Iris... e aí chegou o escándalo, xa que os coñecedores de tan excelsa escritora criticaron a súa presentación como unha muller pouco menos ca parva dedicada a ser amante dun profesor medio tarado. Xa que logo, o centenario semella ser unha oportunidade perfecta para reivindicar a realidade dunha das mellores plumas do Reino Unido no século pasado —o que xa non é pouco dicir—.

Decote nas novelas de Murdoch atopamos unha frase lapidaria na que se encerra o corazón do narrado. Tardamos bastante en atopala en ‘El mar, el mar’ (Editorial Lumen), quizais a súa mellor novela. "Agardo que te concedas a ti mesmo moito tempo para reflexionar sobre a vaidade humana. A xente minte demasiado, mesmo os vellos". É moi difícil dar volta a unhas cantas páxinas desta obra sen se decatar de que Charles Arrowby, o seu protagonista, é un personaxe fatuo e cheo de feblezas agochadas tras unha —ou varias— máscara de éxito profesional. En realidade, todo un paradigma dos personaxes da autora.

Shakespeare arroxa unha sombra sobre boa parte da narrativa de Murdoch

Shakespeare arroxa unha sombra sobre boa parte da narrativa de Murdoch e, en especial, sobre unha das súas grandes novelas, El mar, el mar. Ao converter a Arrowby en célebre director de teatro especializado no bardo de Stratford consegue Murdoch que o libro se converta en certo modo nun desfile de personaxes shakesperianos, sobre todo femininos. Pero unha das chaves interpretativas da complexa estrutura da obra atópase, non nun personaxe feminino, senón nunha das grandes creacións masculinas do bardo, quizais un chisco esquecida por non pertencer ás traxedias: o mago Próspero, dono e director da illa de A tempestade. Arrowby aparece ante nós coma un Próspero tras deixar a illa, un feiticeiro sen poderes ao que só lle queda a lembranza do seu poder.

Outra marca de fábrica da novela de Murdoch é a capacidade para mesturar reflexións e digresións filosóficas con recursos dunha novela máis popular, algo que desconcertou á crítica nos seus inicios. El mar, el mar non carece destes elementos. Vive Arrowby en Shruff End, unha mestura de mansión de novela gótica e casa expresionista dun Wiene ou un Murnau na que de súpeto comezan a pasar cousas estrañas: un espello raxado, unhas cordas soltas que dan ao mar... É unha pista falsa, xa que a autora comprácese en deixarnos crer que pode haber algo sobrenatural durante algunhas ducias de páxinas para descubrirnos despois que todo é ao cabo unha cuestión amorosa.

E é que a presunción de Arrowby está concentrada nas mulleres. Xoga con varias antigas actrices súas, unha delas responsábel ao cabo dos estraños sucesos da casa. E ademais cun amor de mocidade que agocha un segredo problemático. Sempre excesivo, a súa actuación é a dun personaxe varias veces citado: o Peter Pan de Barrie. Charles Arrowby é un mozo que non quixo medrar e ten un inmenso desexo de posesión: amor, gloria profesional, felicidade na vellez...

Malia todo isto, hai dous elementos marxinais que captan a atención do lector: o mar e a comida. O vello protagonista é un nadador experto a quen lle gusta pelexar coas augas bravas e frías do Mar do Norte, e cos cantís pegados á súa singular vivenda. O seu valor físico lévao a mancarse decote sen deixar de botarse á auga unha vez por día. E antes ou despois do seu baño diario atopamos as descricións culinarias, digresións dun heterodoxo gourmet cuxas opinións responden tamén á idiosincrasia dun persoeiro que considera fundamental todo o que sae dos seus beizos. 

Shakespeare e, por suposto, a mesma Murdoch permiten ver aspectos da realidade que doutro xeito non poderiamos ver

Con El mar, el mar Iris Murdoch gañou o Booker Prize, quizais o premio máis prestixioso das letras en lingua inglesa, mesmo por riba do Pulitzer. Nas súas propias verbas, a novela trata de "reconciliación, virtude... do triunfo da virtude". Coma Próspero, Arrowby remata por establecer a paz no caos por el mesmo creado. Murdoch deu aquí o mellor dun estilo brillante cunha temática que o mesmo pode engaiolar os críticos tradicionais cós posmodernos ou os lectores casuais.

Na súa faciana como filósofa profesional, Iris Murdoch sostiña que certos escritores, nomeadamente Shakespeare, Tolstoi, Homero ou Dante, amosan o mundo real, aquel que nos negamos a ver porque resulta desagradábel para os nosos intereses. Unha variante desta reflexión que pode resultar máis atractiva é que autores coma Shakespeare e, por suposto, a mesma Murdoch permiten ver aspectos da realidade que doutro xeito non ‘poderiamos’ ver. Os filósofos novelistas son casos infrecuentes —pénsese no caso español de Miguel de Unamuno— e as ideas adoito rematan por esmagar personaxes e accións. Quizais o grande mérito da autora no seu centenario foi sobrevivir á dupla sombra shakesperiana e platónica, e crear unha narrativa que sobrevive entre nós un cuarto de século despois da súa caída nas tebras da demencia.

Mar de Iris
Comentarios