Opinión

Na fronteira

No libro Lo que no podemos saber, Du Sautoy propón unha serie de exploracións nas fronteiras do coñecemento

Lord Kelvin. EP
photo_camera Lord Kelvin. EP

LORD KELVIN era en 1900 probabelmente o mellor científico vivo, ou polo menos o máis recoñecido. Realizara traballos fundamentais no terreo da termodinámica e a electricidade, era un experto en análise matemática. Aínda seguimos a usar o seu nome para a escala de temperaturas Kelvin, que rexistra o "cero absoluto" en -273 grados centígrados. Finou en 1907 e soterrárono en Westminster a carón nada menos que de Isaac Newton. Pois ben, naquel ano de final de século dixo Kelvin en frase lapidaria: "As leis e os feitos fundamentais da ciencia física xa se descubriron... os nosos futuros descubrimentos terán que buscarse a partires do sexto decimal".

É difícil atopar unha cita máis equivocada en alguén tan sabio: só quince anos despois todo o panorama da física cambiara grazas a Einstein, Rutherford e Thomson, e ata o día de hoxe non chegamos ao fondo do pozo que eles cavaron. Neste 2018 aparece en España a última obra de Marcus du Sautoy, catedrático de Matemáticas da universidade de Oxford, na que precisamente propón unha serie de exploracións nas fronteiras do coñecemento. O título non pode ser máis atractivo e desafiante: Lo que no podemos saber (editorial Acantilado).

A miña amiga Adriana traballa de investigadora en Oxford –supoño que agora mesmo é a becerrense máis ilustre– e de regalo de aniversario convidoume a un café na súa casa, que queda a cen metros do gabinete de Du Sautoy. Cáeme un chisco lonxe e ademais semella que o home non é o máis agradábel do mundo, pero estaría ben comentarlle que é unha inspiración para os filólogos afeccionados á física cuántica e que andamos todo o tempo a preguntarnos polo que podemos coñecer. Somos poucos pero de casas escollidas.

Sen querelo veño de facerlles a primeira advertencia sobre Lo que no podemos saber. O mesmo que o anterior best seller de Du Sautoy, La soledad de los números primos, non é unha lectura para non iniciados no mundo da física e as matemáticas. O problema é que non resulta sinxelo informarse sobre estes temas no mercado español do libro se un non é especialista. Recomendaríalles en inglés o libro sobre a bomba atómica de Richard Rhodes, pero posibelmente non os saque de pobres. Polo tanto, se descoñecen todo aquilo relacionado co mundo minúsculo que nos rodea, a súa única opción é ler co móbil ou un manual de física ao seu carón.

Podería parecer que con esta declaración estounos convidando a non ler a Du Sautoy e sería un grave erro que así o interpretasen. O autor ter unha grande habilidade para facer de temas complexos algo entretido e o seu mesmo punto de partida ten un grande atractivo: Podemos predicir o resultado dunha tirada de dados? Durante os seguintes cinco capítulos vemos pasar ante os nosos ollos as principais cuestións relativas aos límites dos nosos coñecementos sobre o espazo e o tempo. Particularmente atractivo resulta pensar que o noso Universo é coma un deses vellos videoxogos nos que as naves espaciais só saían por un lado da pantalla para aparecer polo outro.

Coma case sempre que se toca o tema do coñecemento, Du Sautoy remata no instrumento máis inmediato para aprehendelo: o cerebro. A el dedica a súa sexta fronteira: a que ten como tema as redes neuronais e a capacidade de crear unha intelixencia artificial que imite minimamente as reaccións e as creatividades dos seres humanos. E cando chegamos a este punto final decatámonos do paradoxo dun título tan taxativo. De Kelvin podemos aprender que é moi ousado afirmar que existe algo que non podemos coñecer. Deámonos tempo a nós mesmos como especie, teñamos fe no progreso e namentres gocemos con libros como os de Du Sautoy.

Comentarios