Opinión

A nosa parte irracional

UN DÍA A MULLER estaba á beira do río e preguntoulle ao Home Vello sobre a morte. "Como vai isto? Viviremos para sempre e non vai haber un final?" Non o pensara, así que respondeu o Home Vello: "Debemos decidilo. Collerei este cachiño de excremento seco e botareino ao río. Se flota, a xente morrerá, pero aos catro días volverá vivir de novo... Morrerá catro días. Pero se afunde, haberá un final para a xente". Botou á merda ao río e afundiu. Non, a merda non flota, engado eu.

Esta lenda pertence a unha tribo india dos Estados Unidos, os coñecidos coma Pés Negros. Recóllea Joseph Campbell no primeiro volume de Las máscaras de Dios, o correspondente a Mitoloxía Primitiva. A editorial Atalanta, nun esforzo case que sen precedentes, vén de completar a publicación dos catro tomos da monumental saga creada polo mitógrafo estadounidense, publicada orixinalmente nos anos 60. Non o fixo na edición orixinal: non tería tido sentido xa que moitas referencias á Prehistoria quedaron obsoletas por descubrimentos que tiveron lugar dende 1959. Porén, traduciu a edición renovada pola fundación do autor no ano 2016. A mellora é substancial.

Os que son vellos coñecidos desta columna saben que un servidor dedicou parte da súa vida profesional a tratar co mito nunha tese doutoral. Quedou inconclusa e dificilmente a completarei, pero o estudado non se perdeu de todo. Grazas a este traballo puiden coñecer a Campbell, daquela pola súa outra obra fundamental, El héroe de las mil caras. Sorprendeume unha erudición enciclopédica que xa non se pode atopar nos intelectuais do século XXI.

Pero por riba de todo o meu intento de tese doutoral serviume para pensar no meu outro eu. Nesta columna pasamos por seres racionais, confiados na ciencia do século XXI e afastados de ideas como a homeopatía ou o movemento contrario ás vacinas. Somos materialistas radicais e nin sequera pretendemos ollar ao transcendente.

Malia isto —ou precisamente por isto— temos que recoñecer a existencia dunha dimensión allea a estas ideas no ser humano. De feito, como ben demostra Campbell, o racionalismo ateo é cousa da última onda e as relixións monoteístas e organizadas pouco máis. Durante milenios, dende os poboadores das covas de Lascaux ata os habitantes de Hawaii hai pouco tempo atrás, os humanos practicaron unha fe baseada na mitoloxía, politeísta e que servía para estruturar unhas sociedades non tan simples como poda parecer, sobre todo no espiritual. A falla dunha explicación científica para a orixe do mundo, existían as cosmogonías baseadas no natural; a falla dunha autoridade política democrática ou ben organizada, o mito proporcionaba os patróns de comportamento que garantían orde e obediencia a unha serie de persoeiros.

Que queda en nós desa parte irracional? Segundo algúns, moito. É moi sinxelo utilizar ideas deste tipo, ben manipuladas, para xustificar a violencia contra os semellantes e en particular contra as mulleres. En realidade o asunto, como demostra Joseph Campbell, é moito máis complexo e tampouco ten que ver co telurismo de salón e ioga.

Nalgún lugar da nosa mente están as pegadas daqueles antergos que crían que para cazar os animais que supuñan o seu soporte vital antes debían debuxalos e matalos na ficción da pintura, xa que era imposíbel matar sen invocar antes a morte. É a maxia de imitación, a conexión coa natureza, unha interpretación da causalidade que quedou esquecida para nós, pero foi o paradigma de pensamento que nos trouxo ata esta visión do racional que agora mesmo posuímos, aínda que só fose por oposición e contraste.

Comentarios