lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

O bocoi

JONATHAN Swift deixou escrito o seu epitafio. "Aquí xace o corpo de Jonathan Swift, onde a furiosa indignación non pode lacerar xa o seu corazón. Marcha, viaxeiro, e imita, se podes, a quen loitou con todas as súas forzas por defender a liberdade". Gústame a frase porque son máis as derradeiras verbas dun deán de catedral ca do meirande satírico da lingua inglesa e, se atendemos ao último libro das Viaxes de Gulliver, da historia dunha humanidade pola que se amosa o maior desprezo.

De cando en vez hai que regresar aos clásicos e decidín facelo hoxe co Cuento de una barrica (Editorial Cátedra), que en mans doutro autor sería unha obra mestra e nas de Swift é unha grande descoñecida xa que o Gulliver, mudado en conto infantil nas súas primeiras dúas partes, arroxa unha sombra da que é imposíbel fuxir. O Conto dun bocoi é un divertimento, unha distracción. De feito, o seu título ten que ver coa estratexia que usaban os mariños para que os cetáceos non afundiran os seus barcos sen querer: lanzarlles un bocoi para que xogasen con el, como se fai cun novelo e un gato, e deixasen unha peza de madeira algo máis grande e importante.

A historia é moi coñecida. O conto está destinado a distraer a un Leviatán, o nome bíblico da balea... e o título que o grande filósofo conservador Thomas Hobbes dera á súa mellor obra. Un pai morre e deixa en herdanza aos seus tres fillos ­—Pedro, Martiño e Xan, que representan respectivamente a San Pedro, Lutero e Calvino— cadanseu abrigo con estritas instrucións: baixo ningún punto deben alterar a peza de roupa. Os fillos amáñanse para desobedecer e sempre atopan unha escusa para engadir unha ombreira ou un adorno de ouro segundo a moda. Quen leva a voz cantante é o arrogante Pedro, que remata por anoxar aos irmáns e levar á separación familiar. Isto non implica que os demais saian ben parados.

O Conto non tería acadado a sona que posúe só con esta anécdota. Os azoutes ás relixións europeas e en particular a un catolicismo completamente corrompido mestúranse con continuas digresións, entre as que hai que salientar as dedicadas á oposición entre a aprendizaxe antiga e moderna e, sobre todo, a dedicada á tolemia, un exemplo temperán do gusto de Swift polo paradoxo e por unha misantropía que vai rematar no capítulo dedicado aos yahoos no Gulliver. Tampouco falta unha sección sobre os críticos e os críticos verdadeiros, moi acaída nos tempos de ofensas e pequenas ofensas nos que vivimos.

É impensábel agora un conflito derivado dos desacordos entre as seitas do cristianismo... pero as ameazas contra a tolerancia son continuas

O retorno aos clásicos é sempre imprescindíbel. Cando Swift escribiu o Conto Europa estaba a deixar atrás a primeira grande guerra continental, provocada en boa medida polas fendas relixiosas. É impensábel agora un conflito derivado dos desacordos entre as seitas do cristianismo... pero as ameazas contra a tolerancia como principio fundamental das sociedades son continuas. A complexidade de Swift non furta de todo nin o carácter hiperbólico do satírico nin tampouco o eloxio dunha modernidade que, coa súa loucura, supere as diferenzas relixiosas que tanto sangue verteron naqueles tempos.

Moi diferente é o panorama actual: a quen debemos satirizar é aqueles que manipulan para rematar coas liberdades e os dereitos de todos os cidadáns. A outra solución, a plenamente swiftiana en realidade, é ignorar o que sucede arredor de nós e derivar cara unha misantropía que recoñeza que en realidade o ser humano anda bastante lonxe de ser un animal racional. Argumentos dá o grande xenio irlandés... pero quizais o prezo por pagar sexa alto demais nesta coxuntura.

O bocoi
Comentarios