sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

O irmán descoñecido

Visito a Wikipedia porque precisos datos actualizados que non pode fornecer as miñas enciclopedias en papel e que nas webs especializadas, como Ethnologue, cotizan a cincocentos euros ao ano. Cantas persoas falan na actualidade o yiddish?

Difícil calculalo, pero de seguro menos có galego, é dicir, menos de dous millóns. É un dato arrepiante se consideramos que hai arredor dun século a lingua contaba cuns once millóns de falantes. Na shoah morreron varios millóns. Os demais levounos a política de asimilación en Estados Unidos e o estrito monolingüismo oficial do estado de Israel. De todas as expulsións ao longo dos séculos os Weizmann e Ben Gurion aprenderon que o xeito máis seguro de construír un estado firme é cunha soa relixión, unha soa raza e unha soa lingua… e así lles vai.

O esmorecemento da lingua yiddish resulta máis doloroso para os amantes da literatura pola grandeza dos seus narradores, que souberon converter en narrativa fascinante as historias do shtetl, as pequenas aldeas xudeas que salpicaban Polonia, Galitzia, Ucraína e Rusia na coñecida como Zona de Asentamento –os hebreos tiñan prohibido vivir en calquera outra cidade do Imperio Ruso–. O cumio destas letras, curiosa mestura de alemán e hebreo, atópase nunha soa familia, os Singer. O irmán máis novo, Isaac Bashevis, foi Premio Nobel; do maior, Israel Yehoshua publica agora Acantilado De un mundo que ya no está.

A historia desta biografía está tinguida de traxedia dende o seu autor. Observador preclaro, Singer soubo que todo o que vivira ía ser arrasado pola barbarie nazi. Conseguiu fuxir aos Estados Unidos e alí púxose a escribir unhas memorias que serían un tesouro para as futuras xeracións. Ían ser tres volumes, arredor de 1.500 páxinas… pero poucos días despois de publicar o primeiro, o que agora temos nas mans, finou dun ataque cardíaco. Era 1943 e o fillo do rabino de Lentshin evitou coa morte a dor de vivir a aniquilación.

Endexamais deixamos de ver polo pequeno Yehoshele, pero o lirismo e o cinismo das palabras do vello Israel engaiolan ao lector en verdade.

Quen lea a Israel Y. Singer sen coñecer a Isaac B. Singer inevitabelmente pensará: "Se este é o irmán que escrebe peor… como será o outro". É sinxelo definir a xenialidade en De un mundo que ya no está: en calquera narración cara o pasado existe un desafío a superar para o autor, o de facer fluída a transición entre quen ve –un neno– e quen fala –un adulto ou ancián–. Moitas autobiografías naufragan aí e onde moitas afondan, Singer escintila. Endexamais deixamos de ver polo pequeno Yehoshele –así o chama a familia–, pero o lirismo e o cinismo das palabras do vello Israel engaiolan ao lector en verdade.

Se descoñecemos a cultura xudía, tamén poderemos atopar respostas aquí a certos fenómenos como a desproporción entre o seu número e a súa aportación ao saber. Os nenos xúntanse nos jeder, as escolas rabínicas, e todos aprenden a ler; moitos adultos rouban horas ao sono para o estudo da Torá e o Talmud; cae unha mancha sobre os que se negan a saber. Singer non ten piedade do seu pai, que non mantén a xeito á súa familia pola súa preguiza e a súa negativa a aprender ruso. Tamén poderemos comprobar o abismo existente entre os xudeus asimilados, aqueles que vivían en Francia ou Inglaterra, e os hassidim, coas súa estrita normativa, chea de prohibicións rituais e respecto á autoridade rabínica, pero tamén de compaixón para con aqueles irmáns que non daban aturado unha situación que remataría na completa aniquilación

O irmán descoñecido