Opinión

O que racha

.TR
photo_camera .TR

HAI UNS meses pasaba por esta mesma columna o libro sobre as guerras civís do especialista anglosaxón David Armitage. Na súa valoración indicabamos que se trataba dunha obra de ideas, case máis dedicada á teoría política que ao desenvolvemento mesmo dos conflitos, e agardabamos que axiña aparecese outra obra que cubrise un tema tan apaixonante coma doloroso.

Non tivemos que agardar moito e de cara a este verán Galaxia Gutenberg ofrécenos Comunidades rotas. Unha historia global de las guerras civiles, 1917-2017, obra de dous historiadores novos e españois: Javier Rodrigo e David Alegre. Os dous formáronse na universidade catalá e a cuberta do libro anuncia a publicación da tese doutoral do segundo, dedicada ao colaboracionismo nazi en Europa. Hai que agardala con expectación e celebrar que nos tempos da especialización dous estudosos ousen afrontar unha ‘historia global’ e consigan saír máis que airosos do desafío.

Comunidades rotas é un libro monumental ao que, dende o punto de vista do lector profano só paga a pena lle poñer un pero: os restos que nel deixou a fonda investigación levada a cabo por Rodrigo e Alegre. Non é moi recomendábel trasladar ás librarías os costumes dos tribunais de tese e nun libro coma este bótanse de máis as continuas referencias a autores que decote quedan moi lonxe do lector. A experiencia lectora tería mellorado moito cun ensaio bibliográfico final no que se recoñecese os investigadores citados.

A pesares de ternos estendido nesta circunstancia, convén non esaxerala e non minguar os méritos dunha obra excepcional, das escasas que se poden converter dende España en referencia da investigación internacional. Parten os autores dunha tese cada vez máis espallada: unha vez finalizada a era dos  conflitos internacionais coa Segunda Guerra Mundial, os enfrontamentos civís —que, coma a Guerra Fría, agochan loitas das superpotencias— son os máis comúns e os que causan máis dano, non só dende un punto de vista estritamente bélico senón tamén pola dificultade que se atopa para reconstruír as sociedades dende os aspectos psicolóxicos e da convivencia.

Supoño que será inevitábel que moitos lectores chimpen as primeiras páxinas, dedicadas a Rusia, Finlandia ou Irlanda, e vaian cara a sempre polémica interpretación que podan facer os autores da Guerra Civil española. E o certo é que a visión global escollida para todo o libro axuda aos autores a fornecer uns argumentos orixinais. En primeiro lugar, constátase o carácter especial do conflito español, referente como guerra posicional e tamén dende un punto de vista cultural —o mesmo que a guerra da antiga Iugoslavia sesenta anos despois—; en segundo lugar, afírmase o erróneo dunha visión uniformadora das violencias executadas, posto que segundo os autores un dos trazos propios destas guerras é a superposición de violencias dunha raíz diversa.

De España cara adiante, a erudición de Rodrigo e Alegre é asombrosa: o mesmo son quen de explicar o longuísimo proceso de chegada ao poder dos comunistas chineses que os desastres aínda non finalizados do Congo ou o labirinto do Vietnam. Un desafío especial, do que saen máis que ben librados, é a exposición das loitas en Serbia, Croacia e Bosnia Herzegovina, próximas a se pechar por certo dende un punto de vista estritamente legal, e asociadas a outra visión innovadora da historia mundial: a dunha posguerra na Guerra Fría e a das vacilacións no establecemento dunha nova orde no contexto da posíbel decadencia da superpotencia única e dominante, os Estados Unidos.

Comentarios