miércoles. 08.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.07.2020
El tiempo

O regreso

A incultura relixiosa en España está á orde do día e poucos son os que reflexionan sobre as verbas de Xesús de Nazaret

NON TEÑO ganas de ir mirar o CIS, que anda un pouco a rumbo, pero supoño que a meirande parte da poboación española segue a se declarar católica —e apostólica e romana, pero matino que isto nin sequera se preguntará—. Se abrimos o abano, a pesares das ondas migratorias a maioría cristiá será abafante, coma sempre. Dito isto, hai abondosos estudos que amosan a desconexión da xente coa práctica desa relixión na que din crer. Son os católicos non practicantes e, pola miña experiencia persoal, seguen a precisar un deus pero non teñen moi claro se os seus representantes terreais están ao que deben.

Practicantes ou non, a incultura relixiosa en España —e no resto de Occidente— está á orde do día e poucos son os que reflexionan sobre as verbas de Xesús de Nazaret, un individuo que, se tomamos como fiábeis os  Evanxeos —que xa é tomar—, afirmou unha morea de cousas que levarían a nosa sociedade directamente polo camiño da subversión. Aquilo de poñer a outra fazula, o de expulsar os mercadores do templo...

A pregunta de que sucedería se Xesús de Nazaret regresase a este mundo formulouse en moitas ocasións no mundo da ficción e aínda se fai arestora —véxanse senón os irreverentes episodios da serie Family Guy—, pero non é ousado afirmar que a máis artisticamente completa foi a elaborada por Nikos Kazantzakis en Cristo de nuevo crucificado, que reedita agora en español a infalíbel editorial Acantilado. O gran mestre da novela grega do século XX —e un dos mellores narradores contemporáneos, que xa é dicir— é máis coñecido para o grande público por Zorba o grego, inmortalizado no cinema por Anthony Quinn co seu curioso baileciño incluido.

Estamos nun mundo condenado a desaparecer: o da Asia Menor dos gregos


O argumento de Kazantzakis é perturbador dende o comezo. Estamos nun mundo condenado a desaparecer: o da Asia Menor dos gregos. Empezan os anos 20 do século XX, os turcos controlan a zona e preparan o que será a expulsión daquel pobo de Esmirna ou Corinto, algunhas das grandes cidades da civilización helena. Nunha pequena aldea elíxese a catro simples homes para representar a Paixón baixo o compromiso de se comportar dende o mesmo intre da selección como verdadeiros apóstolos.

E isto é un auténtico problema, porque as autoridades relixiosas e sociais que controlan a vila —non sei se lles soa de algo— non semellan moi dispostas a practicar unha caridade verdadeiramente cristiá, sobre todo cando aparece preto do lugar un grupo de esmolantes e refuxiados —creo que isto tamén lles soa— aos que Manolios, o pastor elixido para representar a Xesucristo, dirixe para recuperar a dignidade. E como hai pouco que se produciu a Revolución Rusa tampouco tarda en aparecer unha pantasma familiar: a do bolchevismo. Kazantzakis non agochou o final da súa obra: está explícito dende o mesmo título. Manolios debe morrer, coma un novo Cristo, nun proceso no que a Paixón teatral queda substituída pola real.

É Cristo de nuevo crucificado unha novela de tese e só iso? Sería inxusto dicir tal cousa. Nikos Kazantzakis non gañou a súa fama por estar preto do comunismo. Os seus personaxes golpean ao lector coas súas feblezas e a súa humanidade. A descrición da paisaxe ule a saudade pola terra perdida e irrecuperábel. A natureza e a vida rural quedan pintadas con tons de tristura na relación dun dos protagonistas co seu burriño Yusufaki, unha especie de Platero turco debuxado coa mesma tenrura, e con cores salvaxes cando os pastores se botan ás mulleres ou usan a violencia para obter o que cren lexítimo. E por riba de todos érguese o inmortal —nunca mellor dito— Manolios, modelo de ética ao que salva o turco e condenan os seus.

O regreso
Comentarios