Opinión

O soño da cultura

CON ISTO dos pactos acadados polo centro e a esquerda españois os que nos dedicamos ao ensino semellamos destinados á enésima reforma educativa, que se supón tampouco resolverá nada porque existe un problema de base no sistema e é o problema relixioso.

DESCRIBIUNO con poucas e acertadas palabras o recente Premio Nacional de Ensaio Xosé Manuel Núñez Seixas. Durante o proceso constitucional moitas decisións estiveron condicionadas polas forzas do réxime que quedaba atrás. Unha delas foi a inclusión do artigo que ampara o dereito dos pais a educar nas súas conviccións á proxenie e que en realidade abría a porta á financiación estatal da escola privada. Outra, o establecemento dun Concordato do Vaticano negociado… por un ministro xesuíta de educación.

Por que a relixión debe estar fóra das escolas á marxe do que diga un texto constitucional que debería reformarse? A resposta atopámola, entre outros lugares, no excelente El sueño de Sancho, obra do físico nuclear Manuel Lozano Leyva. Trátase dunha historia irreverente do conflito entre as ciencias e as crenzas relixiosas, aínda que habería que sinalar que a parte principal do libro dedícase ao cristianismo e, en particular, ao catolicismo romano, especialmente violento na súa loita contra as Luces.
Habería que subliñar tamén o adxectivo "irreverente". O profesor Lozano Leyva non deixa pedra sen mover dende a Antigüidade aos nosos días e resulta de especial interese a luz que bota sobre aspectos escuros de coñecidos científicos. Resulta para comezar abondo revelador que baixe do seu pedestal como fundador da ciencia moderna a Aristóteles. Del di o mesmo ca, por exemplo, de Kant: valoramos que propuxesen as preguntas axeitadas… pero o certo é que non responderon ningunha correctamente e que os seus erros foron o primeiro elo dunha cadea de concepcións equivocadas que se prolongou durante séculos.

Tamén é irreverente a historia en canto ao estilo, afastado de toda solemnidade, divulgativo como só pode selo un texto producido por alguén que ten unha completa comprensión e familiaridade con aquilo do que fala, cheo de brincadeiras intelectuais que asinaría un Sheldon Cooper calquera. As mellores son aquelas que se dedican a algúns dos grandes popes das disciplinas científicas no pasado. Pénsese por exemplo en Isaac Newton, de quen pensamos que quizais outorgase máis importancia aos seus estudos sobre alquimia cós de gravitación e que deixou unha das sentenzas máis coñecidas da historia ("ananos a ombreiros de xigantes") cando en realidade quería facer un ataque cruel a un anano xiboso, Robert Hooke.

O drama de moitos homes e mulleres de ciencia condenados á morte ou ao silencio namentres procuraban facernos comprender o funcionamento do que nos rodea

Porén, non deberiamos deixar que a lixeireza de estilo do autor nos faga esquecer que estamos perante dun drama: o de moitos homes e mulleres de ciencia condenados á morte ou ao silencio namentres procuraban facernos comprender o funcionamento de todo o que nos rodea. Aínda arestora os humanistas e os científicos temos que loitar contra o peso dunha relixión que abafa as escolas e, en moitas ocasións, os debates públicos. Os avances en coñecemento e dereitos tiveron e teñen un inimigo principal, as relixións, e non semella estar preto o día que este desapareza das institucións españolas —e mundiais, xa que estamos—.

Parafraseando a Martin Luther King, as mulleres e os homes de cultura temos un soño, que é o de Sancho ao lombo de Clavileño: o de abarcar a Terra e as súas marabillas. Cada un pode ter a fe que desexe pero impoñela aos demais só converte ese soño nun pesadelo coma os vividos por Galileo, os ilustrados ou Charles Darwin, xenios que a pesares de todo aínda non acadaron o triunfo total que merece a súa sabedoría.