jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

Oportunismo

PODEMOS afirmar sen medo a nos equivocar que a divulgación literaria, histórica e científica pasa por un bo momento en España, o que só fai que destacar a pobreza pola que pasou non hai moito.
EFE
EFE

Podo poñer un exemplo persoal. Tempo atrás, nunha paréntese entre traballos, decidín traducir un libro que me apaixona, A construción da bomba atómica, de Richard Rhodes. Era unha rutina intelectual que me permitía mellorar o meu nivel de inglés e a obra, gañadora do Pulitzer e de boas vendas nos Estados Unidos, podía ter saída no mercado. Non foi así, esencialmente, porque non era novidade e porque a combinación de tamaño —arredor das mil páxinas— e tema non interesaba a ninguén, polo que eu vin.

Vén ao caso esta anécdota porque a grande novidade da primavera ensaística no mercado español debeu ter un camiño similar. Contagio, de David Quammen, é un libro destacado hai anos no mercado anglosaxón, editado por primeira vez en 2012 e que non deixou de se atopar nas boas librarías dende entón. Pero en España ninguén o considerou interesante ata que, oh sorpresa, estoupou unha pandemia mundial e Quammen se converteu no profeta da apocalipse, xa que moitas páxinas do seu libro anticipan nunha década o que está a ocorrer arestora. Deducimos que foi entón cando Debate se decatou de que había unha mina de ouro e puxo a choiar nada menos que a sete tradutores —asegurólles que é algo moi pouco frecuente— para aproveitar a nova normalidade.

O aparente oportunismo paga a pena porque o libro é excelente. Quammen é un autor recoñecido, colaborador con National Geographic e que non se limita a reflexionar ou entrevistar aos especialistas nos Estados Unidos senón que fai un valioso traballo de campo. De feito, a obra obtén o seu dinamismo por dúas vías: a linguaxe xornalística e o recurso a literatura de viaxes por África e Asia. O seu rigor científico é admirábel e a pesares de tratar con enfermidades dunha gravidade extrema nunca adopta unha actitude apocalíptica ou esaxerada.

A zoonose, a transmisión de enfermidades propias dos animais aos seres humanos, non aumentou nas últimas décadas por casualidade.

Como xa dixemos, cunha anticipación de case que unha década, Quammen —como voceiro de centos de científicos que desfilan polas súas páxinas— pon a frecha na diana. A zoonose, isto é, a transmisión de enfermidades propias dos animais, en especial morcegos e simios, aos seres humanos non aumentou nas últimas décadas por casualidade. Estabamos a mercar boletos para a lotaría dunha pandemia a base de destruír ecosistemas e entrar en contacto alimentario con animais ata hai pouco mesmo descoñecidos.

Este fenómeno víase ademais aumentado pola globalización, un proceso que semella imparábel. A covid-19 chegou de China, pero Quammen non dubida en afirmar que consonte avance a integración de África nos mercados mundiais, máis perigo chegará dese continente. Para mostra, o primeiro chimpo do ébola fóra dese continente hai uns anos, paso por Becerreá incluído. De feito, é terríbel pensar que tivemos sorte, xa que o virus estendido puido ter algún trazo que aínda o fixese máis grave ou contaxioso. Unha festa.

Libros coma este son imprescindíbeis para o que se deu en chamar nova normalidade. Durante esta pandemia demostrouse a importancia da educación e o coñecemento científico a todos os niveis. Os cidadáns padeceron un sufrimento extra ao non comprender as aparentes contradicións, por exemplo, no uso de mascariñas, derivadas da estrita aplicación do método científico; pero, por outra banda, recoñeceron o necesario da investigación, que será chave para atopar e producir unha vacina segura que nos permita recuperar a verdadeira normalidade. Moitos lectores críticos de Contaxio serían unha grande nova para nosa a sociedade.

Oportunismo
Comentarios