sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Salvapatrias

HAI UNS DÍAS atopei un vídeo nunha rede social que partellei con moito gusto. O 26 de febreiro de 1984 o xeneral Augusto Pinochet viaxou a Punta Arenas, na fin do mundo, no estremo sur de Chile. Cando presidía un acto, un berro alto e claro interrompeuno: «Asasino! Asasino!».
2019102923481612300
2019102923481612300

O corte recolle o intre exactos dos berros, que as forzas de seguridade non puideron reprimir. Os manifestantes, atacados despois, acolléronse a sagrado e o réxime, nunha mostra da impotencia que o faría caer pouco despois, non tivo capacidade para castigalos como fixera tempo atrás.

Augusto Pinochet recibe agora por parte do historiador Mario Amorós o trato que merece nunha biografía excepcional publicada Ediciones B. A pesares de se tratar dun historiador español, Amorós está familiarizado coa realidade do país, xa que ensinou na Universidade de Chile, colabora decote con medios daquelas terras e este libro vén completar unha triloxía de grandes personaxes chilenos do século XX: Neruda, Allende e Pinochet. E coma no caso de Franco e Preston, non sorprende que o texto definitivo sobre un individuo coma este veña da pluma dun estranxeiro. As razóns son sinxelas de comprender. En Chile, como na mesma España, non se pode falar dunha total superación da ditadura, posto que aínda existen persoeiros da vida pública andina que defenden o legado do tirano.

Coma no caso doutros biógrafos de ditadores do século XX, Amorós puido beneficiarse da desclasificación de documentos chave, sobre todo os dos Estados Unidos —no debe do autor, a situación das notas sobre as fontes ao final de cada capítulo—. Se ben durante décadas se axitou en Occidente a pantasma da subversión soviética, o certo é que a estadounidense foi moito máis contundente, universal e efectiva. Foi en Chile e grazas a Pinochet onde naceu a doutrina de facer tremer a economía para derrubar gobernos e durante anos Henry Kissinger non tivo reparos en manter xuntanzas cun individuo o que rexeitaban todos os demais países agás as outras ditaduras americanas e a Suráfrica racista. E aquí aparece o primeiro lado do personaxe, perxuro e traidor persoalmente a moitas persoas.

Ademais dos documentos estadounidenses, a chave da investigación do autor está nos diferentes procesos xudiciais levados a cabo nos últimos anos en Chile contra os asasinos do réxime. Grazas a eles podemos saber as terríbeis torturas ás que se someteu a militantes de esquerda e as manobras dos gobernantes para ocultar os seus crimes.

E máis poderiamos ter sabido de terse culminado a operación mestra que en 1998 lanzou o xuíz Garzón —amábel lembranza, excluído da xudicatura española— en aplicación dun principio de xustiza universal contra individuos que cometeron crimes contra a humanidade. Para a historia quedou a milagreira recuperación de Pinochet nada máis fuxir das gadoupas da xustiza, unha imaxe que simbolizaba e simboliza a impunidade de certos criminais cando as súas vítimas poden subverter certas partes da orde establecida. Aquí a obra de Amorós ten que se centrar máis en novas xornalísticas ca en memorias ou libros de Historia que analicen o asunto con perspectiva, e aínda que se mantén o rigor respecto ao resto da obra é posíbel que futuros testemuños introduzan matices relevantes no relato.

En calquera caso, a biografía militar e política —as aspas son nosas— que Mario Amorós constrúe sobre Augusto Pinochet lanza unha clara mensaxe ao lector atento, a do risco de asumir como certas as posicións dos salvapatrias que só usan o país —calquera país— para simplificar os discursos e esmagar aos loitadores pola igualdade.

Salvapatrias
Comentarios