lunes. 20.01.2020 |
El tiempo
lunes. 20.01.2020
El tiempo

A sodoma do Mississippi

XA SABEN vostedes que estamos na época da indignación e a ofensa, sobre todo polas redes sociais. Todos estamos ofendidísimos por como nos foi na feira e esquecemos que a contamos segundo como nos vai nela.

PERO O fenómeno non é nada novo. Hai xa case que tres décadas, ao principio da cuarta temporada, os Simpsons dedicaron un dos seus capítulos a un musical baseado en Un tranvía llamado Deseo. Iniciábase a recreación animada cunha canción sobre Nova Orleans, cualificada como "a Sodoma e Gomorra do Mississippi". A letra filtrouse antes da emisión e o escándalo foi tal que no seguinte episodio Bart tivo que escribir no encerado: Non volverei meterme con Nova Orleans.

O Tranvía está no imaxinario estadounidense até ese punto. É a obra mestra de Tennessee Williams e agora edítaa a carón de O zoo de cristal a editorial Cátedra, co rigor habitual en notas e análises. Probabelmente o Zoo sexa teatralmente máis apreciábel. O seu uso dun narrador teatral conecta con O’Neill e a dramaturxia europea. Conecta tamén co uso do xénero da mesa camilla para trasladar un drama estadounidense anterior á guerra mundial —os matrimonios frustrados de mozas casadeiras—, con especial importancia no Sur, representado pola súa metrópole máis senlleira daquela, St. Louis.

Pero o Tranvía mantén décadas despois a capacidade para impactar tanto o lector como o espectador. O editor do texto aclara coas súas notas aqueles aspectos que poden quedar lonxe do lector español e mantén na súa interpretación a ambivalencia que sempre rodeou á verdadeira protagonista, Blanche DuBois.

Por moitos intentos que fagamos e teñan feito distintas escolas críticas de vencellar obra e autor, os libros rematan en moitas ocasións por ser fillos non do contexto no que se escribiron, senón daquel no que se len. Nestas datas de reivindicación contra a violencia machista é inevitábel que o lector do Tranvía quede arrepiado perante Stanley Kowalski; xa non polo seu desprezo a Blanche, senón máis ben polos seus malos tratos a unha Stella sobre a que exerce un control psicolóxico e emocional brutal.

O paso do tempo e o troco das circunstancias tamén esborrallaron certos matices de Blanche. Quizais Tennessee Williams desexaba un personaxe ambiguo, no que convivisen a mentira e uns costumes moi pouco compatíbeis coa cultura do Sur dos Estados Unidos e os abusos que sofre a mans do seu cuñado de orixe polaca. Ocorre que para o lector do século XXI Blanche queda como unha personalidade estragada por Kowalski só e as súas taras aparecen como algo menor, extravagancias propias de quen fracasou na vida máis pola mala sorte ca por erros propios.

Á marxe do que cadaquén poda dicir sobre dúas das obras mestras do teatro estadounidense escrito no século pasado, a lectura será sempre apaixonante por describir un mundo afastado da visión que os europeos temos adoito dos Estados Unidos. Esta aparece case que sempre nubrada por Nova York e Los Angeles, metrópoles liberais que en xeral nin están moi ben vistas polos habitantes do interior nin representan ao Sur. Os derrotados da guerra de 1865 son un exemplo do que agora se deu en chamar resiliencia: a Confederación vive na música de The Band, nun mapa electoral que amosa as pegadas da segregación ou nos valores que transmiten as obras de Williams, cos seus personaxes traumatizados, borrachos boa parte do tempo e que agochan por imperativo social os seus desexos máis fondos, sobre todo no sexual.

A sodoma do Mississippi
Comentarios