martes. 19.11.2019 |
El tiempo
martes. 19.11.2019
El tiempo

Solucións didácticas

Javier Nogueira pregúntase se alixeirar o ensino da Filosofía é o mellor xeito de ensinala.

Busto de Sócrates.TR
Busto de Sócrates.TR

XA SABEN OS seguidores desta columna que o seu autor anda metido no choio da educación e que un dos principais obstáculos que atopa un nas aulas é como acurtar a distancia intelectual cos rapaces. Os docentes aínda somos, en xeral, individuos analóxicos e eles xa nativos dixitais afeitos ao consumo de información con outros tempos e noutros formatos. Isto é aínda máis evidente en materias que xa na sociedade 1.0 quedaban afastadas dos intereses de boa parte do alumnado. É o caso da filosofía, que choca ademais cunha circunstancia vital: moi poucas persoas están preparadas para aprender a pensar na mocidade, cando os intereses son outros e a bioloxía anda a outra cousa.

Pero para todo hai solución e neste caso, ademais, vén da Galiza. Hai anos que o profesor Daniel Rosende, un galego licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela, rexenta unha canle en certa plataforma de vídeos baixo o título de Unboxing Philosophy. Para aqueles non versados no tema, diremos que o unboxing consiste en gravar vídeos nos que o protagonista aparece desempaquetando regalos... e que Rosende, metaforicamente, desempaqueta a filosofía. Agora aparece na editorial Martínez Roca boa parte do contido da canle en formato libro baixo o rechamante título de Filosofía para bípedos sin plumas. Non menos estraña é a portada, con forma de teléfono de última xeración no que os elementos semellan partes de un chat.

O obxectivo de Rosende está moi claro: non se trata de escribir un manual sobre cómo filosofar ou unha fonda historia do pensamento senón de achegar o máximo posíbel os contidos desta última disciplina ao estudante actual. E para iso precísanse recursos especiais que non aparecen nos libros de filosofía habituais: ilustracións nas que predomina a cor vermella, unha grande capacidade de síntese, unha linguaxe adaptada á mocidade e comparacións tan arriscadas coma contundentes: Agostiño de Hipona e o Tinder? Marx e o iPhone? Temos tamén actividades concibidas coma retos e esquemas que facilitan a comprensión.

O resultado, dende o punto de vista docente, non pode ser mellor. Supoño que non hai mellor manual ca este. E dende o punto de vista do lector é tamén bo, xa que a obra admite unha lectura rápida e entretida. Malia todo, e sen necesidade de poñernos apocalípticos, ergue no que isto escribe unha pregunta: Non estamos abusando de simplificacións en temas fundamentais?

Érgome da cadeira na que escribo e achégome á estantería, sección Filosofía. Agárdame a Introdución á análise filosófica de John Hospers, un precioso volume en cor azul. Di a portada que vendeu máis de 150.000 copias e é unha impresión de hai quince anos. Non chega ás trescentas páxinas. É, ou era polo menos ata hai pouco, o principal manual de filosofía usado en Oxford para as licenciaturas duplas ou triplas. É dicir, o que usan rapaces de 18 anos que non se van especializar en Filosofía, senón en Política ou Economía. Non hai debuxos nin simplificacións: só se ensina a pensar con exemplos sinxelos, que non frívolos ou propios das modas do mundo adolescente.

E aínda que a personalidade filosófica e docente de Daniel Rosende e o seu libro me encanten non podo deixar de me preguntar se libros coma este axudan realmente a aprender a pensar e a amar a sabedoría, pois diso vai a filosofía. Resulta un chisco contraproducente tratar de ensinar aquilo que debe ser permanente con ferramentas didácticas concibidas para o intre. E quizais hai materias que non admiten simplificación porque en realidade non poden ser sinxelas. O camiño da cultura e da sabedoría é unha vía áspera, máis aínda cá do aprobado na Historia de Filosofía das probas selectivas preuniversitarias.

Solucións didácticas
Comentarios