Opinión

Os últimos idealistas (ou non)

ESTES DÍAS tiven ocasión de ler a entrevista de Camilo José Cela para a Paris Review e, coma case que sempre co autor, atopei a típica boutade —tamén coñecida como "parvada dita por alguén supostamente intelixente"—.

Di o novelista de Iria Flavia que el loitou nunha guerra e que por iso sabe que é algo fermoso. Evidentemente refírese á Guerra Civil e á súa experiencia como soldado franquista. Os historiadores acumulan evidencias sobre a crueldade daquel conflito.

Coma case que sempre cando se trata da grande guerra de España no século XX, as obras senlleiras saen de plumas de estranxeiros. Un dos continxentes máis famosos que loitou nela, as Brigadas Internacionais, agardaba aínda unha grande obra actualizada que o analizase coas súas luces e sombras. É Las Brigadas Internacionales, obra de Giles Tremlett, coñecido xornalista británico, corresponsal en España de The Economist e The Guardian, dúas das grandes cabeceiras anglosaxoas. Publica Debate e vai sobre seguro, xa que o libro estivo esgotado na súa edición orixinal en inglés durante meses, o que debería ser un bo sinal no país no que transcorren os feitos.

A tarefa de Tremlett non era sinxela: saír indemne despois de navegar entre as dúas visións dominantes das Brigadas ao longo destas décadas: a que pinta aos brigadistas coma os últimos idealistas e a centrada na infiltración comunista, que indirectamente xustifica os actos fascistas pola ameaza dun golpe de estado soviético en 1936, imposta por Bolloten. E triunfa nela precisamente porque vai contra a declaración de Cela: por moito idealismo que haxa, non hai beleza na batalla senón morte e destrución.

A excepción é España, onde amplos sectores políticos e sociais son abertamente franquistas, néganse a condenar a ditadura

Non debe confundirse isto coa equidistancia. En todos os países está claro que houbo un bando bo, que representaba a liberdade e a democracia, por defectuosa que fose, e un bando malo, que derrocou un goberno lexítimo e sumiu ao país nun escuro réxime apoiado por uns individuos coma Hitler e Mussolini. A excepción é España, onde amplos sectores políticos e sociais son abertamente franquistas, néganse a condenar a ditadura ou amosan unha sorprendente tolerancia perante as novas formas de fascismo. Recolle aquí Tremlett argumentos de Viñas, Preston ou Aróstegui para amosar as diferenzas entre as autoridades dunha e outra zona.

Aclarado isto, o autor pasa a poñer en primeiro plano a realidade brigadista, marcada polos desastres loxísticos: o pobre adestramento concentrado nun lugar non demasiado a xeito como Albacete; a falla de material bélico a causa do estrito cumprimento da non intervención por parte das democracias occidentais; a teima das autoridades republicanas en enviar a aqueles homes a teatros de operación nos que se ían converter en años listos para a matanza; a presenza de certos elementos estalinistas e anarquistas que non tiñan claro que o único obxectivo era gañar a guerra e arrastraron a moitos ao fracaso e á morte...

Contra todo isto erguéronse o espírito de loita e o valor, expresados en testemuños que chegaron ata nós e que Tremlett usa nas doses xustas para que vexamos a través dos ollos dos verdadeiros protagonistas e para lle dar ao seu libro un ritmo narrativo moi áxil, máis propio da súa ocupación de xornalista. Grazas a isto a opinión unánime entre a crítica, á que temos que nos sumar, é que estamos perante a un fito na historiografía da Guerra Civil, quizais unha das últimas pezas que quedaban por colocar nese quebracabezas, e un documento fundamental na loita contra o revisionismo histórico e a ‘posverdade’, que en realidade é mentira disfrazada con argumentos pseudo históricos.

Comentarios