sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Un mundo que desaparece

NON HAI pobo sen poesía, tal cousa non existe. De feito, non hai xeito de coñecer mellor o verdadeiro cerne dun pobo que ler aos seus poetas, aqueles que transmiten o que os románticos alemáns chamaron pomposamente o Zeitgeist, o espírito popular.
Fiz Vergara Vilariño
Fiz Vergara Vilariño

E poucas experiencias intelectuais son máis conmovedoras ca ler a eses poetas cando o mundo do que falan está a esmorecer ou mesmo a desaparecer. Pensemos en Kavafis e o mundo grego de Alexandría e Constantinopla, en Jabès e o mundo dos xudeus en Exipto ou nos poetas africanos da época da descolonización.

Aquí e agora, na Galiza, hai unha cultura en vías de desaparición e é a cultura da montaña. No ano 1900 A Fonsagrada era o segundo concello máis poboado da provincia de Lugo, só por detrás da mesma capital. O grande centro cultural atopábase no mosteiro de Samos. Dunha punta a outra miserentos labregos loitaban pola subsistencia e aínda pola redención dos foros e a propiedade de moitas terras.

Non hai unha grande novela da Montaña pero si moitos poetas que expresaron —e expresan, por sorte— ese sentimento pola terra que Ajmatova definiu como que «non nos parece a terra prometida […]  pero nela nos enterran e somos ela». Uxío Novoneyra, Helena Villar Janeiro… e Fiz Vergara. Ao grande poeta do Val de Lóuzara vén de dedicar a antoloxía Non deixes que a tardiña me sorprenda o investigador Yago Rodríguez Yáñez. Non se me ocorre mellor estudoso para tan delicado lírico, xa que o profesor Rodríguez ten amosado a súa sensibilidade en traballos dedicados a autores coma John Keats ou Miguel Hernández.

Para quen non coñeza a Fiz Vergara, foi un poeta ferido: unha doenza crónica acurtou a súa existencia. Formou parte do grupo poético Lume Novo, cuxa figura senlleira foi —e é aínda, en realidade— Claudio Rodríguez Fer. Pero a súa lírica non seguiu a liña da vangarda, o amoroso ou o compromiso político senón outra de tradición fértil nas nosas letras: a da celebración íntima da paisaxe e a da proxección da personalidade do eu lírico nela. Noriega Varela ou o xa citado Novoneyra son as grandes —que non únicas— voces desta temática, conectada ademais coa tradición europea e lusitana por medio de Teixeira de Pascoaes e o seu saudosismo.

En cada poema de Fiz Vergara atopamos un pequeno detalle inspirador, un desexo de atrapar o intre fuxidío, unha visión dese mundo que xa desapareceu en boa medida tempo atrás. Por non existir non existe xa nin a lingua do autor, ese galego que tiña a pureza anterior a normativas que resultan especialmente alleas para os falantes do galego oriental. Polo menos o dicionario da RAG si recolle xabreira, como a súa Lóuzara, xa que xebreo e avixedo, os termos da outra ladeira dos montes son estraños para os académicos.

Resulta significativo que Galaxia decidise publicar a escolma dos versos de Fiz Vergara na súa colección de Clásicos. Vivimos nun tempo no que case que todo o que chega ás librarías é a seguinte grande obra fundamental que vai cambiar as nosas vidas ou as nosas letras. Pero a canonización (literaria) é un proceso lento. Vergara Vilariño é un dos máis claros candidatos a recibir axiña a honra do Día das Letras Galegas, o que daría un pulo merecido á súa obra e quizais levaría a homenaxe polo camiño da modernidade que xa abriron os días dedicados a Vidal Bolaño ou Lois Pereiro. Cando isto ocorra teremos o traballo crítico e de edición de Yago Rodríguez como referente fundamental, alicerce para unha análise moito máis fonda da dimensión do poeta dentro do complexo panorama da poesía galega dos tempos da democracia.

Un mundo que desaparece
Comentarios