martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Un verán en Rusia

COMO DICIAMOS hai un par de semanas, vivimos no mellor dos mundos habidos —que non posíbeis, non nos vaian a confundir cuns Pangloss calquera—. Isto supón entre outras cousas o acceso inmediato á información. Se algo gravísimo ocorre en Kiribati, literalmente a outra punta do mundo, non só o sabemos axiña senón que en poucos minutos temos no noso móbil vídeos, testemuños dos que o viviron... De todas as transformacións ocorridas na nosa sociedade quizáis sexa esta a que máis sinxelamente asimilamos. Para as novas xeracións —coas que estou en contacto día a día— é impensábel un mundo no que se tardaba máis en enviar unha carta dende Lugo a Barcelona ca dende Lugo a Londres, xa que esta polo menos podía ir por mar. 

Só se comprendemos estas transformacións radicais poderemos dar o xusto valor a certos testemuños que nos chegaron en séculos pasados. É o caso das ‘Cartas desde Rusia’ que mandou o Marqués de Custine e que agora publica Acantilado, un documento fundamental para comprender a vida privada daquelas terras nunha época na que todo o que estivese alén do río Vístula, que atravesa Polonia, estaba considerado Oriente.

A comprensión da obra por parte do lector depende por completo do contexto, fornecido se non se coñece polo limiar de Pierre Nora. Estamos no verán de 1839, un ano calquera no medio dunhas décadas convulsas. Hai pouco máis de vinte anos que Napoleón fracasou en Beresina e quedan pouco menos de dez para que as revolucións liberais borren do mapa case que definitivamente o Antigo Réxime. En Francia, entre revolución e revolución, os nobres conservan o seu estatus e poden dedicar o seu tempo a viaxes como as de Tocqueville a Estados Unidos ou a de Custine a Rusia.

Para as novas xeracións é impensábel un mundo no que se tardaba máis en enviar unha carta dende Lugo a Barcelona ca dende Lugo a Londres

É este un destino ben atractivo. Os nobres rusos forman a caste máis francófila do continente e de feito non usan entre eles o ruso senón a lingua gala, símbolo de refinamento, o que provoca unha situación de diglosia que aínda se estuda nas facultades. Por outra banda, Rusia en 1839 é un xigante que se pode espreguizar en calquera intre, un país enorme cuxa extensión temen os imperios europeos.

As cartas do Marques de Custine envíanse fundamentalmente dende San Petersburgo e Moscova. A primeira cidade aparece retratada sen piedade algunha, tan pegada ao mar e ao Neva que en calquera intre pode desaparecer: un establecemento artificial, un capricho de Pedro o Grande que non é outra cousa ca proxección dunha grandeza mal entendida por parte do Imperio Ruso.

Alí coñece Custine ao zar Nicolás, o que serve para levar a cabo longas reflexións sobre a tiranía. A posteridade deu grande valor ao documento custiniano por, presuntamente, anticipar que a idiosincrasia rusa levaba sen remedio ao país á tiranía e mesmo ao comunismo. Trátase dunha hipótese moi arriscada que gaba esaxeradamente a capacidade do marqués para analizar a alma rusa... se tal cousa houber, que é moi dubidoso. Si é certo que as xeneralizacións do nobre francés teñen a base da observación por parte de alguén con finura psicolóxica e experiencia á hora de extraer das condutas particulares principios xerais que puidesen explicar o carácter ruso. O retrato de Moscova é máis curto e amábel, centrado na arquitectura que todos coñecemos: as floridas cúpulas da catedral de San Basilio e os longos e impenetrábeis muros do Kremlin, perfecto símbolo da continuidade de Rusia como país polos séculos, da vida gubernamental e a vida a pé de rúa.

Que esta obra senlleira da literatura de viaxes chegue ás librarías españolas precisamente neste intres de incerteza e crecente protagonismo xeopolítico ruso é unha feliz coincidencia e pode axudar a entender moito do que sucede no panorama internacional.

Un verán en Rusia
Comentarios