Opinión

Unha nación devastada

A escena aínda desconcerta ao afeccionado ao fútbol e coñecedor da historia dos mundiais. Zaire é o primeiro equipo subsahariano que se clasifica para a fase final, que se celebra na Alemaña Federal en 1974.

Estamos en Gelsenkirchen, no partido final do grupo 2 e os zaireños xogan contra a vixente campioa, Brasil. Tras unha falta preto da súa área, Zaire forma barreira. Cando o árbitro fai soar o seu chiflo, Ilunga sae da barreira e manda o balón a cincuenta metros dunha couce. É a acción máis cómica da historia da Copa do Mundo… até que se descobre que isto foi un acto de protesta contra as autoridades, que tratan aos xogadores coma amateurs.

A anécdota ilustra a un pobo abandonado de todos e principalmente por aqueles que mandaron sobre eles. A historia do Congo ten agora o seu principal intérprete europeo en David van Reybrouck, autor belga cuxo Congo. Una historia épica, vén de se publicar por parte da editorial Taurus. Sen tempo non era, poderiamos dicir, xa que o libro se traduciu a unha ducia de linguas denantes de saír do prelo en español.

O autor anda estes días de promoción da obra por España e deixou xa unha definición do seu libro: é unha historia lonxe do academicismo doutras moitas sobre África e tamén lonxe das simplificacións en apenas trescentas páxinas tan comúns no mercado europeo. Tampouco é convencional no seu enfoque, máis centrado en testemuños de certos personaxes —incluídos algúns que, por inverosímil que pareza, viviran tanto o reinado de Leopoldo coma o século XXI— ca na bibliografía usual, baseada en Stanley, Conrad ou, máis recentemente Hotschild.

Para a persoa cunha mínima curiosidade o Congo representa un dos grandes relatos de finais do século XIX e do XX. Para comezar, como ben aclara o autor, durante tres décadas non foi sequera unha colonia senón unha propiedade persoal de Leopoldo, emperador de Bélxica. O Estado Libre do Congo custou a vida a uns oito millóns de persoas e a mutilación da man dereita a outros millóns máis, aquelas persoas que non cumprían coa cota diaria de caucho a recoller. A tolemia daquel territorio quedou recollida no Corazón da escuridade de Conrad.

Rematado este período o Congo Belga substituíu ao Estado Libre. Van Reybrouck dá unha visión con múltiples facianas do xeito en que pouco a pouco a metrópole perdeu a colonia e do desenvolvemento dun fenómeno relixioso tan particular coma o kimbanguismo. A conclusión é a que se pode extraer de moitas outras obras sobre a descolonización: foi feita a toda présa, levada por diversos movementos tanto de masas como derivados da política internacional e levou a posteriores desgrazas de todo tipo.

A figura máis humana de toda a obra non pode ser outra ca de Patrice Lumumba. Diante de Balduíno realizou o discurso máis famoso da descolonización africana, no que rachou coa intención de Bélxica de facer táboa rasa e esquecer as barbaridades realizadas naquelas décadas. Menos de dous anos despois, axeonllado e a piques de ser executado sumariamente, un esbirro dos seus inimigos, a servizo dos Estados Unidos, converteuno nunha bóla de papel e tentoullo meter na boca.

Case que sesenta anos pasaron dende entón e a eles se dedica a segunda parte da obra, non menos apaixonante e triste. O goberno de Mobutu derivou no de Kabila e, recentemente, noutras eleccións manipuladas. Nada novo baixo o sol. Décadas despois de que Stanley descendese polo río Congo, o seu territorio anexo segue a ser vítima das súas propias riquezas. Primeiro o caucho, logo o marfil, despois o ouro e outros metais preciosos, agora o coltán, fundamental para a fabricación de dispositivos tecnolóxicos. En século e medio ninguén atopou o xeito de facer ricos aos cidadáns dun país rico nin de espantar á pantasma do rei Leopoldo.

Comentarios