Opinión

Vidas exemplares

QUEIXÁBASE recentemente, por unha vez razoabelmente, o escritor Arturo Pérez Reverte do desleixo que existe coas Humanidades en España e, en particular, da práctica desaparición da colección de clásicos latinos e gregos da Editorial Gredos. Outro dos síntomas do asunto son as continuas liortas entre materias no eido da educación, xa que para vestir un santo hai que espir outro e cando celebramos o regreso da Filosofía ás aulas os pobres compañeiros de Arte ou Literatura Universal choran porque esas horas quítanllas a eles do pelexo académico.
táboa

A desaparición da Biblioteca impulsada por García Gual ten especial importancia con certas obras como a Historia Natural de Plinio o Vello ou as Vidas paralelas de Plutarco, xa que as editoriais españolas non están moi dispostas a afrontar os gastos que supoñen obras deste volume —a edición que eu manexo de Plutarco, en francés e completa, é un tomo de tamaño respectábel que supera de longo as dúas mil páxinas— mesmo se Plutarco é aínda un referente para todos aqueles que traten de relatar a vida dos homes de ideas —xa sexan políticos ou filósofos—.

Dentro do xénero da biografía atopamos estas semanas nas librarías El honor de los filósofos de Víctor Gómez Pin (Editorial Acantilado), un libro de lectura áxil no que se repasan en breves capítulos circunstancias moi concretas das vidas dos filósofos e, máis en concreto, as respostas deles e delas a circunstancias extremadamente difíciles. A idea que percorre a obra non pode escapar nin ao lector máis despistado: filosofar non supón só coñecer a realidade que nos rodea e establecer ideas sobre ela senón contraer un compromiso ético que, en non poucas ocasións, pode ter terríbeis consecuencias.

O pensamento libre e independente —o de verdade, é dicir, o que procura o progreso da humanidade e non o seu retroceso, aclaración necesaria polo recente uso prostituído destas verbas— nunca foi moi agradábel para os poderosos, como puideron comprobar xa na antigüidade Boecio ou Hipatia. Aquel que desafía a relixión ou a política dominantes apoiado no seu xuízo ten opcións de rematar no ostracismo... e o asunto mellorou no último século, xa que a triste marxinación dun Oppenheimer, da que Gómez Pin trata xa no final do seu libro, en nada se pode comparar, por exemplo, cunha persecución paradigmática como a de Miguel Servet, que rematou os seus días no lume en Xenebra.

Ás veces os compromisos non son coa sociedade ou cunhas determinadas ideas filosóficas senón coa realidade e o acontecemento

Non todos os casos que expón o autor teñen que ver con eses desafíos ao poder establecido. De grande dureza son os capítulos dedicados aos pensadores que pasaron os seus días nos Stalag dos nazis e en particular o que trata de Simone Weil, filósofa cuxa importancia non deixa de medrar. Aínda que Gómez Pin abandona con ela o ton divulgativo doutros capítulos, algo que o lector non especialista pode lamentar. 

Ás veces os compromisos non son coa sociedade ou cunhas determinadas ideas filosóficas senón coa realidade e o acontecemento. Non por coñecida deixa de ser impactante a historia do pasamento de Plinio o Vello, de quen antes falabamos. Historiador, filósofo e xeógrafo, coma outros nobres romanos pasaba os veráns na Campania, no seu caso preto do Vesubio... e alí estaba cando o volcán estoupou en agosto ou setembro do 79. No canto de fuxir, levou o seu barco preto da explosión para analizar o que obviamente era unha calamidade insólita, o que o levou á morte, probabelmente ao inhalar os vapores velenosos procedentes do choque do fluxo piroclástico coa auga mariña. Gómez Pin consegue trasladar a exemplaridade de modelos coma o do autor latino e facernos reflexionar sobre a necesidade de imitar a súa conduta en tempos convulsos.

Comentarios