Opinión

As vidas negras importan

O PASADO agosto, no estado de Wisconsin, a Policía recibiu un aviso que implicaba a un cidadán de raza negra, Jacob Blake. Desprazáronse ao lugar varios axentes e apuntárono coas súas armas. Cando o home abriu a porta do seu coche, recibiu sete tiros nas costas.

Dous días despois, en medio das protestas dos afroamericanos, un mozo de 17 anos camiñou cun fusil de asalto polas rúas de Kenosha e matou dúas persoas. Durmiu na súa casa e nin sequera o molestaron as autoridades ata o día seguinte.

É só o último episodio do racismo sistémico que castiga hai séculos os Estados Unidos, que protagoniza a campaña electoral entre Trump e Biden e que pola súa proxección global —grazas en boa parte ás estrelas dos grandes deportes estadounidenses— leva á publicación de libros importantes en España. É o caso do clásico Las almas del pueblo negro, de W. E. B, Du Bois, un libro moi necesario que agora edita Capitán Swing. Por certo, cun deseño gráfico e de portada verdadeiramente espectaculares.

Las almas del pueblo negro non é precisamente unha novidade: publicouse por primeira vez en 1903 e tomou a súa forma definitiva nada menos ca en 1953, cando, como ben sinala o tradutor, se eliminaron sobre todo referencias que se podían considerar antisemitas. Pero, como ocorre cos clásicos, a súa actualidade é total. Nas camisetas dos finalistas da NBA, a liga de baloncesto americana, pódense ler lemas como Vota,

Du Bois tivo o valor de facer unha afirmación polémica: os negros vivían peor décadas despois da abolición ca cando eran escravos

Educación para todos e Xustiza igualitaria. Xusto eses tres temas son o eixo das reflexións de Du Bois.
Da man do primeiro grande pensador afroamericano percorremos a outra historia dos Estados Unidos, esa que a Trump non lle gusta escoitar e que poucos en Europa coñecen. A principios do século XX Du Bois tivo o valor de facer unha afirmación polémica: os negros vivían peor décadas despois da abolición ca cando eran escravos. Eran libres, si, pero ignominiosamente pobres. As iniciativas para desenvolver a igualdade de oportunidades -condensadas na famosa promesa, incumprida, de dar a cada liberado unha mula e corenta acres- fracasaran e os primeiros líderes negros, coma Booker T. Washington, aceptaran unha posición subordinada que cambiaba investimentos en educacións pola renuncia aos dereitos políticos.

Froito deste pecado orixinal son as terríbeis desigualdades que aínda hoxe castigan aos afroamericanos en Estados Unidos. Du Bois denunciaba que non tiñan dereito ao voto… e aínda hoxe milleiros deles ven obstaculizado o rexistro necesario para votar; Du Bois denunciaba as carencias educativas… e o fracaso escolar entre os afroamericanos continúa a ser estarrecedor. A mentalidade protestante dominante non axuda, pois un dos alicerces da cultura do país é a idea de que o éxito e o traballo están relacionados, o que obvia os condicionantes previos e a necesidade de axudar a aqueles que parten de posicións desfavorábeis. A ultradereita evanxélica refírese a isto coma “socialismo”, unha palabra maldita naquelas terras.

En medio de todo isto aparece a literatura. Du Bois é ademais un grande escritor que debuxa un fresco do Sur, en particular do val do Tennessee onde foi mestre por primeira vez e das terras entre montañosas e tropicais do estado de Xeorxia, que percorre para ensinar caso a caso as dificultades da súa raza. E mesmo atopa lugar para o drama máis íntimo e persoal cando se laia do pasamento do seu fillo, a causa dunha difteria que non atenderon doutores brancos porque era ilegal. As vidas negras importan, como di o xa famoso lema, pero hai décadas que importan máis para uns que para outros, o que supón unha fenda para toda a nación.

Comentarios