miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

Voa, libro

UNHA historia que adoito engaiola aos meus alumnos é aquela na que lles explico que o feito de chegar a ser profesor non converte a un automaticamente nun estudante modelo.

Ovidio. EP
Ovidio. EP

Eu estiven meses sen asistir a clase de Matemáticas… aínda que as miñas latadas tiñan un propósito cultural moitas veces. Descubrira daquela o Pierre Grimal, o grande clásico da mitoloxía grecorromana, escrito por ese autor francés, que estaba abandonado coas súas tapas amarelo ovo nos estantes da biblioteca do instituto de Becerreá. De alí chimpei naturalmente ás Metamorfoses de Ovidio.

Encantoume o Nasón e o lume dos seus versos non se apagou en min durante décadas. De feito acendeuse máis ao coñecer a triste historia da súa vida: poeta do círculo de Augusto, popular en Roma coma ningún outro, rematou os seus días na afastada Romanía, en Tomis, á beira do Mar Negro, por razóns descoñecidas para nós pero resumidas por el mesmo en carmen et error: un poema —quizais a Ars Amandi— e un erro —quizais formar parte da lexión de amantes de Xulia, filla de Augusto. O seu exemplo acompáñame nos seus escritos.

Foi xuízo inamovíbel ata hai ben pouco que a obra de Ovidio despois do seu exilio carecía de todo valor. As Tristia, agora editadas baixo o título Tristezas dun exiliado en Cátedra, e as Cartas dende o Ponto eran obras carentes de sentido poético, nas que o poeta se arrastraba perante os emperadores —primeiro Augusto, despois Tiberio- para conseguir regresar a Roma e non morrer alá lonxe no exilio —o que remataría por suceder—.

Na miña lectura de mocidade non vin tal cousa e as horas dedicadas ás Tristia nestes días confirman aquela opinión. Coas lóxicas caídas de ton —que non son alleas ao resto da obra ovidiana, pénsese en libros coma Medicamina faciei, un libro sobre maquillaxe e moda feminina, dun valor poético moito máis cuestionábel—, as elexías que compoñen o libro son dunha grande intensidade emocional e amosan a auténtica dor de quen está lonxe dos seus. Para transmitir esa dor usa Ovidio un verso latino cuxa eufonía e musicalidade se poden apreciar cunha simple lectura en voz alta e unha enunciación revolucionaria. Como falar se non da famosa Elexía 1, na que o eu lírico se dirixe ao seu libro e o manda voando, coma se fose o pensamento dos escravos hebreos no Nabucco de Verdi, a poñer os seus pés musicais onde el non pode poñer os seus pés de carne e óso?

O tradutor e editor da obra, Antonio Rodríguez de Verger, aprecia a lírica ovidiana de  xeito, afastado de prexuízos.

Por fortuna para o lector actual, o tradutor e editor da obra nesta nova edición en Cátedra, Antonio Rodríguez de Verger, aprecia a lírica ovidiana do mesmo xeito, afastado de prexuízos. Presenta unha versión bilingüe —algo apreciábel para os cada vez menos lectores nesa lingua—, unha tradución que mestura liberdade, respecto ao orixinal e creatividade lingüística e un conxunto de notas erudito e complexo. Quizais neste punto está a única febleza da edición, xa que nalgúns puntos o exceso de referencias cruzadas con outras obras romanas e con estudosos da longuísima tradición filolóxica e latinista pode abafar ao lector e restar atención aos preciosos versos.

Suponse que en 2017 se cumpriu o segundo milenario do pasamento de Ovidio. O seu exemplo, porén, está máis vivo ca nunca. Todo aquel que escribe para fuxir da dor ou para reparar unha inxustiza mediante un libro debería mirarse no seu espello e, para facelo, o mellor é recorrer ás cada vez máis escasas edicións de valor que fan que non esquezamos o enorme valor dos clásicos e a súa actualidade a proba de séculos e traxedias.

Voa, libro
Comentarios