jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

A man dereita do demo

CÓNTAO E cántao así de ben Johnny Cash en The Devil's Right Hand, a canción de Steve Earle. O neno, de compras coa nai. Na tenda de armas, a pistola brillante. Á nai escápanlle da man e escachan no chan unha ducia de ovos. Porque o neno vén de preguntarlle cando terá a primeira pistola. Co medo asisado que guía o amor das nais, contéstalle: a pistola éche a man dereita do demo.

En calquera das versións e na voz de calquera dos cantantes convén escoitar The Devil's Right Hand. No país de Earle, Cash, Waylon Jennings e tantos outros, EE.UU, o país do señor Trump, hai demasiadas mans dereitas do demo armadas ata as unllas.

O dereito constitucional a levar armas, ditado polo demo na II Enmenda da Constitución, é seguido con tanto entusiasmo que catro de cada dez cidadáns teñen armas na casa. O dubidoso e perigoso dereito é defendido con paixón, chumbo e pólvora polo poderoso lobby NRA, a Asociación Nacional do Rifle. Move millóns de dólares e algúns acaban nas campañas dos partidos con ardor guerreiro.

A man dereita do demo é de gatillo fácil. Cada pouco un novo espanto, unha traxedia, outra matanza. Un tipo, sempre home, armado ata os dentes, irrompe nun instituto, un restaurante, unha igrexa, un híper e a man dereita do demo apreta o gatillo. A secuencia políticamente correcta fala de "unir os nosos corazóns e rezar a Deus polas persoas asasinadas". Xente rota que nada tiña que ver coa man dereita do demo pero si co ardor guerreiro dun país no que morren asasinadas cada ano 39.000 persoas. O demo debe ter o índice entalado.

No Brasil do señor Bolsonaro, un decreto tentaba facilitar a posesión das armas e a barra libre para o demo, que xa tiña traballo abondo: 110 persoas asasinadas cada día.

En España, un dos países menos violentos do mundo, unha formación política atrabiliaria tentaba que "cidadáns de ben" poidan levar armas contra os "malos". O sentidiño común e as policías botaron as mans á cabeza ante o gatillo descerebrado. Porque as armas xamais resolveron problemas. Fácil é armarse, desarmarse resulta complicado, aínda que os cartos aposten pola seguridade privada e armada. O espello estadounidense indica o contrario: a máis armas, máis mortes, a máis balas menos seguridade.

Nas casas dos homes e das mulleres, das nenas e dos velliños se hai algo que non garante a vida é a man dereita do demo. Do que si entende o demo é de negocios. E o das armas éche estratosférico. Abonda con botar unha ollada ao que gastan os países nos hipermercados da morte. América, first claro, 607.000 millóns de dólares en presuposto de sangue e pólvora. 194.000 millóns os países da UE. 205.000 China. 70.000 Rusia. O total mundial é de 11,5 billóns. A manirrota man dereita do demo gasta moito, moitísimo máis en espadas que en arados.

A man dereita do demo
Comentarios