Opinión

A metade son os outros

CAMIÑA CONNOSCO cada segundo. Vela e dorme, fala, garda silencio, pensa. Ás veces auga remansada, outras manancial impetuoso de ideas, en ocasións monstro. É a nosa principal ferramenta de traballo. A miúdo preguiceiro e nugallán. O mellor e o peor de nós mesmos. O laboratorio da natureza tardou centos de millóns de anos ata o resultado actual: ao mesmo tempo alfareiro e cunca de neuronas. Esta portentosa maquinaria empeza a funcionar poucos días despois da fecundación e a xa non se apaga nunca. Sempre en obras: o cerebro humano.

Importa, claro, a herdanza. Tamén o medio físico no que se vai desenvolver: a familia, primeira e máis importante escola, o medio social, a cultura. O cerebro non ten vocación de Robinson senón de arquipélago bañado polo caldo social. Vivimos dentro dun rico urdido de interaccións. Relacións, vínculos familiares, lazos sociais, redes e alianzas constrúen o cerebro.

Percibe, sente, emociónase porque é fillo do presente. É capaz de soñar, porque se alimenta de futuro. Velaí o cerebro: portentosa escultura e, ao mesmo tempo, cicel do escultor. É tan complexo que esixe máis da metade do xenoma humano para o seu desenvolvemento: somos o noso cerebro. Pode ser a propiedade máis valiosa dun premio Nobel ou o malgasto dun parvo. Enormemente plástico medra, enriquécese adaptándose. E coma sempre está en construción, boa parte do resultado final depende de nós. Del sabemos moito, din os neurocientíficos. Tamén sabemos moi pouco a pesar de ser algo tan noso, e de que cada día innumerables partes desa poderosa maquinara interaccionan para funcionar. Corenta billóns de células móvense acompasadamente baixo a batuta dos cen mil millóns de neuronas do cerebro, director de orquestra do corpo.

Herdanza de cadaquén, tamén é propiedade social. Para traballar precisa do combustible da comida, o aire que respiramos, a agua que bebemos. E algo imprescindible: necesitamos dos outros. Somos nós mesmos e somos os outros. Eles son a outra metade. As nosas neuronas non se desenvolverían sen as neuronas dos cerebros veciños.

Somos mestura mestiza: individualistas e competitivos, e ao mesmo tempo cooperantes e capaces de empatía cando nos miramos no espello dos outros. Como só podemos vivir en sociedade sempre nos vai mellor en grupo.

Somos historia inacabada, edificio en construción, poderosa rede interconectada con outros millóns de redes. Así todas as metáforas son posibles. As fronteiras vanse traspasar no futuro porque a intelixencia artificial das máquinas que creamos, potenciará a nosa. A ciencia que as move éche o trampolín que axudará a superar as limitacións do corpo.

Gardián do tesouro, e o tesouro mesmo, vive na casa común do humano. Somos nós e somos os outros: a nosa metade.

Comentarios