martes. 19.01.2021 |
El tiempo
martes. 19.01.2021
El tiempo

Agora somos mellores

Iso si, despois dunha longa dieta de quietude, doses masivas de silencio e inxeccións de soidade. O coronavirus que nos ameaza, enferma, separa, que nos empobrece, penetrou en todas as células sociais. Tamén mata. Aos máis febles e desvalidos. En EE UU os negros poñen o 70% dos mortos. Na illa de Nart, os pobres acaban en foxas comúns. Aquí, mata con máis eficacia aos que teñen menos defensas, patoloxías previas, pero sobre todo ás avoas, aos velliños. Nalgúns países con protocolos alleos aos nosos valores, non hospitalizan nin malgastan neles UCIs e respiradores, cuio prezo multiplican mercadores da cobiza. Pero os nosos vellos aínda teñen no lombo a dor da guerra entre irmáns, o frío e a fame da longa noite de pedra. A súa pensión cativa cargou co desamparo de fillos e netos na crise de 2008. E agora, isto. Avós aos que tanto debemos, que podían con todo, quedan atrapados no discutible modelo de residencias. Moitos toparon coa morte. 

Ancorándonos con forza aos nosos, á familia, a pandemia fainos mellores. Agasalla co tesouro do silencio, combustible do órgano máis lacazán do corpo: o cerebro. Para os máis novos, as horas baldeiras poden ser antesala da creatividade.

O virus, descoñecido ata hai pouco, aínda que o país conte con 46,9 millóns de epidemiólogos e outros tantos virólogos, fainos máis solidarios. E vai ser recordatorio de que o planeta éche unha aldea global onde vive a familia humana na veciñanza dos outros seres vivos. A usurpación implacable de espazos e recursos para a única especie humana, din os científicos, afecta gravemente aos ecosistemas, rompe o fráxil equilibrio da vida e libera dos seus nichos virus ocultos que protagonizarán outras pandemias.

O virus, se pechamos os ollos e as mans aos veciños, provocará outra pandemia de desigualdade, máis letal que o coronavirus. Matará con máis eficacia en países desvalidos, como mata o ébola. Só que alí os mortos son invisibles.

Agora, grazas ao coronavirus, decatámonos de que a globalización da cobiza fíxonos máis fráxiles: valados para as persoas, ponte des prata para euros e dólares, e fendas nas fronteiras para os virus. Un sistema económico con pés de barro converteu China na Fábrica do Mundo, algo pouco intelixente.

Tamén nos abríu os ollos. Sabemos que a sanidade pública, os sanitarios eran o noso tesouro. Agora estamos seguros que son a xoia máis prezada do estado do benestar. Que debe permanecer nas nosas mans para que os cairos dos cartos non convirtan un dereito nun negocio.

Si, o coronavirus infectou o planeta enteiro. E as vidas que conviven nel nunha desigual veciñanza. E vai cambiar o seu rumbo e o seu futuro. No medio de tanta dor tamén nos está a facer máis humanos, máis humildes e interdependentes. E moito mellores.

Agora somos mellores
Comentarios