Opinión

As árbores espertan

ÉCHE BOA verdade: "Vale máis unha terra con árbores ca un Estado con ouro nos bancos". Boa idea ler outra vez, sentado á sombra destes irmáns maiores, as atinadas palabras, o capítulo XXXII do libro I de Sempre en Galiza. Sempre Castelao. "O albre danos as traves, o sobrado e as portas da casa. E a cama e a artesa do pan, o berce. o caxato e a caixa para baixar á terra".

Por iso celebramos a festa da árbore cando a terra dorme, antes de que a primavera encenda a vida. A primeira vez foi en 1805 en Villanueva de la Sierra, Cáceres, da man de Fco. Antonio de Cea: "La degradación de los árboles cambia enteramente la faz del más delicioso país". Sobre as cinzas dun incendio xurdíu alí, hai más de 200 anos a 1ª Festa da Árbore. En 1872 celebrouse en Nebraska. Como mostra de respecto á terra, a FAO fixo súa a idea en 1954.

Árbores e máis árbores. Autóctonas e invasores alóctonos. Bosque fronte a monocultivo que uniforma cores a denuda as paisaxes, esa propiedade social. Galicia, terra da auga e de árbores, país dos ríos e dos bosques sagrados onde habitan xigantes bondadosos que dan tanto a cambio de pouco.

Primavera. En cada gromo, cada folla, cada flor a vida impaciente inicia o novo ciclo. Teimudos ritmos da natureza. Nos bosques encantados onde habitaban soidades e medos infantís estoupa a vida. Só que cada ano, a nivel global, retroceden. Pola presión humana. Pola estupidez que prende lume á propia casa. Pola infinita cobiza de converter a madeira en papel moeda.

Cada árbore conta a súa historia e a nosa. Cada anel de cada toro narra os entrelazados ciclos da vida e da morte. Non hai sol máis fermoso, ceo máis alto, soidade máis sonora que a que albiscamos alí onde as cores verdes xogan coa súa sombra. Por iso chama a atención a falta de respecto a estes xigantes, esculturas coas raíces no ar en inverno, esta explosión agora. Soportan maltratos pero aférranse á vida. Entregan as chaves de casas sen hipoteca a paxaros okupas e son a carne que alimenta a fungos e bicharada. Para ollos curiosos son unha exposición de cadros de beleza. Para ollos rapaces, só cartos. Para ollos depredadores, madeira. Fume e cinza para ollos canallas.

Zugan vida do ar, da auga, da terra para devolvela multiplicada. Velaí un modelo para nos relacionar sen facernos dano, enriquecendo o medio. Son a primeira liña de defensa da natureza pero lumes, maltrato, monocultivo e cobiza desertizan a terra. A deforestación reduce a humidade e deixa de reter a terra produtiva. Son árbores, son bosque, paisaxe sen dono, aire limpo cada verán, cores cada outono, esculturas de silencio no inverno, malgastadores de sangue verde na primavera.

Tiña razón Castelao: mellor que o ouro frío nos bancos éche o corazón quente das árbores que espertan.

Comentarios