Domingo. 22.04.2018 |
El tiempo
Domingo. 22.04.2018
El tiempo

As Laponias españolas

EN La España vacía Sergio del Molino alerta sobre o país desvertebrado: unha España baldeira, envellecida, de economía precaria e futuro inquietante, e outra que se mantén e medra nas costas e no arquipélago das cidades do interior como o xigantesco oasis de Madrid. A crise foi acentuando a fenda entre as dúas Españas. Velaquí o país europeo que transitou máis axiña da equidade á desigualdade.

O proceso de baleirado empezou hai moitas décadas. A xente marchou cara ao estranxeiro, a Madrid e País Vasco. Ou cara a Cataluña, onde soan con forza tambores de ruptura. As bandeiras ocultaron a fenda entre clases sociais, entre a España Baldeira e a Periférica. Semella unha maldición cuasi xenética a que nos empuxa con máis entusiasmo a afiar coitelos que a construír pontes.

Agora, un xornalista, Paco Cerdá, vén de escribir Los últimos. Voces de la Laponia española. A Laponia finesa ten gran superficie e baixa densidade de pobación. A nosa Laponia ocupa unha zona enorme do Sistema Ibérico. Miras o mapa e semella máis do dobre que a Cataluña limítrofe. E como as serras non coñecen fronteiras, este amplo territorio baldeiro esténdese por catro comunidades: Valencia, Castela-León, A Rioxa, Aragón.

O xornalista, nunha viaxe chea de reviravoltas, percorre en 200 páxinas máis de 2.550 quilómetros pola Laponia española da Serranía Ibérica. Como a historia das xentes que viven aquí vén de séculos atrás, hai 1.355 pobos a cabalo das montañas e do frío. Con menos de 8 hab./km2, non existe un lugar tan baldeiro en Europa. Nin sequera na Laponia finesa.

Dez provincias dan para dez reportaxes co leitmotiv da melancolía e a soidade. Na zona cero de Guadalaxara, menos de 4 hab./km2 nos 41 pobos da comarca. Teruel tamén existe! berran nunha provincia capaz de inventar unha palabra definidora: demonostasia. Hai unha Rioxa rica e poboada e un recuncho no sur onde a xente vai morrendo ou vaise, dúas formas de fuxir. En Burgos ten sona o mosteiro de Silos, metáfora do templo de silencio no que se ten convertido a comarca. Montaña de Valencia, de Castelló, Cuenca e Segovia. E Zaragoza. Todas coas súas Laponias desadornadas de xente. Espidas de economía, de futuro.

En Soria, "lejana y sola", escribía Machado, escóitanse as voces nidias dos sobrevivintes. As últimas voces da Laponia española non teñen as cores dos risos, os cristais rotos dos berros infantís. Cerdá escribe bonito de cousiñas tristes. Mentres se escoitan cantos de sereas que abogan por rupturas, dereitos a decidir que agachan o paralizante frío da insolidariedade, medran outras Laponias no oeste da península, nas zonas de montaña, na Galicia afastada da AP-9. Os últimos apenas teñen dereitos, palabras para esixilos nin forza para reivindicalos. Viven nas Laponias españolas.

As Laponias españolas
Comentarios