Opinión

Chernobyl, o virus humano

EN CHERNOBYL, no norte de Ucraína, pasou o que pasou en 1986. o torpe oso soviético tentou silenciar a explosión dun reactor atómico, detectada con alarma polas estacións de vixiancia suecas. Agora, unha serie de éxito rememora a catástrofe provocada pola torpeza humana no peor escenario posible: unha ditadura.

O planeta cumpríu xa 4.500 millóns de anos. A vida foi aparecendo mil millóns de anos despois: pugnaz, vella e teimuda. Desde as formas primitivas ata as máis elaboradas. Unha delas é o homo sapiens, rareza biolóxica que só conta cunha soa especie. Compórtase como "rei da creación". Na súa corta andaina, unha poucas ducias de miles de anos, revelouse como a especie máis letal para o resto dos outros seres vivos, plantas e animais. Dos uns oito millóns de especies animais, un millón delas están ameazadas no que xa chaman a Gran extinción. está a ocorrer diante dos nosos ollos nun parpadeo histórico. Xusto cando se estrea a exitosa serie vén de publicarse o informe do Ipbes (onu) que fala da taxa de extinción de seres vivos hoxe, sen precedentes na longa andaina da vida.

O 26 de abril de 1986 ocurríu a catástrofe de Chernobyl. Tan xigantesca que non puido ser silenciada e acabou afectando a boa parte de europa. Para decatarse de como respondeu a decrépita xerontocracia soviética, abonda con ler o estremecedor libro "Voces de Chernobyl" da xornalista e premio nobel Svetlana Aleksiévich. Unha lectura amarga e desoladora que reflicte o peor e o mellor de nós mesmos, anxos e demos, humanos e inhumanos.

A explosión do reactor obrigou a evacuar a centos de miles de persoas. e a crear, ao redor do xigantesco sarcófago de formigón, unha zona de exclusión inhabitable por 20.000 anos. En Chernobyl, como en toda guerra, tamén a primeira vítima foi a verdade. Pero tamén matou a centos de persoas, os liquidadores, abrigados a se enfrontar ao monstro radiactivo con area e botas de goma.

E agora, o milagre: a cara positiva da vida irredutible, case inmortal. Porque resulta que Chernobyl non é un cemiterio. Semella un parque natural sen luces, sen ruído, sen a soupa química de pesticidas, sen depredación humana. A enorme zona de exclusión foise poboando de grandes mamíferos, alces, osos, bisontes, cabalos salvaxes, linces, lobos. e ata duascentas clases de aves. Sen o perigo do Gran Homicida Humano medra unha fastosa biodiversidade. o inimigo latente, a radioactividade, segue aí e seguirá miles de anos, pero ata no epicentro da contaminación a vida goza dunha rara boa saúde, mesmo en especies ameazadas e esmorecentes como os anfibios.

A radioactividade éche espada de Damocles temible, pero infinitamente máis letal é o bípede insaciable de nome e apelido mentireir: homo sapiens. O virus humano.

Comentarios