Opinión

O Club das Palabras Inútiles

AQUÍ vai ben o berro, a pólvora, o golpe da ficha de dominó sobre o mármore. E xa o temos logrado: con pandemia ou sen pandemia, toda festa remata en botellón e toneladas de lixo. Campións do ruído, epítetos, verbas como coitelos, ocorrentes co insulto e consumados lacazáns da palabra fácil.

Na cousa pública hai saturación no uso das palabras liberdade, democracia, dereito a. E os comodíns habituais: fascista, radical, nazi, franquista, populista. Só pretenden ofender e ao final quedan como algo pexorativo. E que significarán, preguntamos preguiceiros? Que é iso de fascismo? Que vén significando populismo? Grandes palabras degradadas, magnificadas polo balbordo das redes.

Que hai detrás de autodeterminación, dereito a decidir, coas que podemos estar de acordo? Pero que ocorre se tales dereitos golpean a traballadores e pensionistas? Podemos sospeitar que talvez se trate dunha rebelión dos ricos contra os pobres? Que pensar de partidos progresistas da man das elites conservadoras envoltas en bandeiras?

Óense berros de fascista, radical, nazi, populista sen pescudar que hai baixo a pel destas palabras terribles. Populismo, fascismo, sementes latentes dentro de nós. Co triunfo das democracias liberais pensabamos que serían desterradas do debate público. Do abuso destas palabras vén a súa banalización. H. Arendt alertaba da banalidade do mal: tantas, tantos caladiños acubillados no sistema sen preocuparse polas consecuencias dos seus actos.

Trivialízase o populismo, por exemplo, rebaixado a caxato de perezosos, lugar común, insulto contra todo o que se move en política. Se todo o mundo é populista, ninguén o é. E por iso, aqueles que encarnan o populismo poden rexeitar impunemente a condición de tales. Ao fin só quedan palabras que enconan, afían coitelos, destrúen, erguen valados de queroseno, abren fendas nas sociedades.

A quen importa indagar que os populistas son críticos, e iso está ben, contra as elites. Pero ademais son antipluralistas, e iso está mal. Só eles, din, representan o "auténtico" pobo. Non recoñecen a lexitimidade da oposición nin cren na alternancia do poder, imprescindible en democracia. Atribúense a representación moral do pobo e desprezan os votos que se contan, apelando á "maioría silenciosa" sempre con eles.

Non, non todos os partidos son populistas. Nin todos os líderes apagan o cerebro das persoas: "Lonxe de nós a funesta manía de pensar!" clamaban de xeonllos os súbditos do pailán Fernando VII. Contra iso, só queda abrir os ollos. Crítica e autocrítica. Manter aceso o cerebro, o órgano máis preguiceiro do corpo se non lle obrigamos a pensar. Se non é capaz de frear o asolagamento de retrousos que acaban significando nada no panteón onde se reúne o Club das Palabras Inútiles.

Comentarios