martes. 01.12.2020 |
El tiempo
martes. 01.12.2020
El tiempo

O corazón quente da madeira

Madeira viva. De pino, de castiñeiro que vive fóra e dentro das casas. Madeira de carballo, cerna dura, o carbón dos bosques.

O arrecendo da madeira vén dos primeiros recordos. Cortar e apilar a leña, aliada contra o frío quenta dúas veces, cando se corta, cando se queima. Textura e cores da madeira, da cortiza das árbores. O DNI dos aneis dos troncos conta historias de anos bos e malos, secas, a bendita chuvia, o lume asasino.

Sen árbores, de onde sacariamos o osíxeno? Quen almacenaría os nutrintes, a auga? Os bosques son os ecosistemas máis grandes do planeta. Son os maiores procesadores de carbono, tesouro para o benestar do planeta que a única especie humana comparte con outros oito millóns de especies. A súa desaparición afectaría á biosfera, delicado e complexo sistema global da vida.

Os bosques eran infinitos. En El bosque infinito A. Proulx conta como en tres séculos o bosque primixenio que cubría inmensas extensións no norte de América foi desaparecendo. Bosques aparentemente inexgotables foron mordidos pola serra da cobiza humana. Toda unha parábola da implacable destrución da natureza. Incendios e deforestación na Amazonía, na taiga, Indonesia, no Mediterráneo liberan cada ano xigatoneladas de CO2 que alimentan o cambio climático. As árbores son os pulmóns da terra.

Árbores loitando pola luz, termando dos veciños conectados pola arañeira simbiótica dos fungos. O bosque é o patio da veciñanza de árbores, plantas, animais. Fogar da bicharada miúda. Casas sen hipoteca para os paxaros. Lugar onde viven curuxas e medos dos contos. A madeira, enerxía máis antiga, convoca algo ancestral, luz e calor, o círculo de quentura, ollos filósofos pendentes do lume.

Como entender a estupidez de asasinos que queiman o bosque? Tanta morte forestal e destrución do chan, envelenamento da atmosfera, roubo das paisaxes sociais. Ata as árbores mortas, comida e refuxio, son esenciais para os insectos, para devolver nutrintes prestados e preservar o equilibrio das especies. O coidado das árbores, a creación de parques, paseos fluviais arborados e a protección dos bosques é tarefa inacabada. Pobos e cidades terían peor calidade de vida sen o poder termorregulador das árbores.

A terra é fogar compartido por millóns de especies vivas. Éche obriga intelixente e moral atopar un equilibrio entre necesidades económicas e ambientais para vivir en harmonía coa natureza e respectar un planeta que non nos pertence, cofre do tesouro da biodiversidade.

As árbores viven enganchadas aos tetos da terra. Nada gardan do que chuchan. Viven o seu tempo lento. Agasallan co que teñen. Gardan e abren para todos o seu corazón quente. De madeira.

O corazón quente da madeira
Comentarios