martes. 26.01.2021 |
El tiempo
martes. 26.01.2021
El tiempo

Ernesto Cardenal, a viaxe definitiva

A boina tan negra. A barba tan branca. O sorriso tan limpo. Foise o poeta latinoamericano grande. O político esperanzadoramente desesperanzado con aquela primavera sandinista. O cura trapense que impulsou no arquipélago de Solentiname a comunidade de pescadores e artistas primitivistas cun sentimento relixioso cheo de fondura no marco dunha teoloxía de liberación que non collía no establishment eclesial. 

Foi Cardenal un loitador pola liberdade e a xustiza nesta Nicaragua Nicaragüíta onden volven os anos de chumbo da man da sinistra parella acusada de tentar implantar outra dinastía ditatorial no pequeno país mártir. A do excomandante exsandinista Daniel Ortega e Rosario Murillo, esposa e vicepresidenta ávida de poder. 

Velaquí o xardín do Edén transmutado nunha xeografía de déspotas da que o pobo, desta volta da man dos estudantes, tenta saír desde que en 2018 estoupara a enésima crise sociopolítica. Enchendo Nicaragua con 650 mortos, torturados, miles de feridos e 88.000 exiliados, segundo a Comisión Interamericana de Derechos Humanos. Ese mesmo ano, o poeta dedicaría o Premio Internacional Mario Benedetti ao adolescente Álvaro Conrado, unha das primeiras vítimas da ferocidade represora da parella presidencial. 

Nos faiados da memoria permanece indeleble a fotografía daquel estraño papa que alineou a Igrexa coas forzas máis reaccionarias e que non podía tolerar a forza liberadora dunha teoloxía para o pobo onde militaba Cardenal. Na icónica foto o dedo índice papal condena ao ministro sandinista de cultura que soportou coa humildade dos xeonllos e a dozura do sorriso a dura admonición daquel papa chegado do frío. 

Poeta, escritor recoñecido, tivo a ousadía, en Oración por Marilyn Monroe, de rezar por un dos símbolos sexuais do século XX. Escribiu versos de amor en Epigramas. El estrecho dudoso. Canto cósmico, crónica do universo e festa da creación. Homenaje a los indios americanos. Ata o último libro, Hijos de las estrellas

Cómpre reler o Evangelio de Solentiname. E tamén os estremecedores Salmos, denuncia profética das ditaduras, o xenocidio dos indíxenas e a inmoralidade e cobiza do poder económico que fai invivible a vida e expulsa a xentiña dos non países no cordón umbilical das Américas. 

Velaquí unha vida chea de versos, de compromiso político, de militancia relixiosa e social que vén de apagarse. No ar, nos libros, na memoria permanecen gravados a lume os versos, as palabras inmorrentes. Din en voz alta que non se pode silenciar a palabra, que non se encadea a poesía. 

O limpo sorriso de Ernesto Cardenal está entretecido de canas e versos. Na fotografía, a boina negra, a barba bondadosamente branca deste home de 95 anos que vén de emprender a viaxe definitiva.

Ernesto Cardenal, a viaxe definitiva
Comentarios