martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

A España baldeirada e a secesión dos ricos

SON URBANIZACIÓNS para quen pode pagalas. Muros e gardas armados. Un microcosmos artificial e acomodado para illarse da xente do común e fuxir da inseguridade. Countries arxentinos. Dentro, escolas e híper, igrexa e campos de deporte, piscinas, hospital. O mundo feliz de A. Huxley. Ou a destrución da fermosa taracea histórica e social da cidade, onde conviven estraños animais sociais, os seres humanos.

A carón do country, unha villa miseria, anota M. Caparrós. Man de obra barata para recortar setos, limpar o cu a bebés, desatascar cloacas, pasar o ferro ou dar a soupa a avoa dos señores.

O modelo salta fronteiras. Os que alí poden illarse, conseguen autodeterminarse dos pobres. Ata o reivindican como dereito. Os fillos da xente acomodada nos estudan nas aulas dos traballadores. Non viven nos mesmos barrios nin comen nos mesmos restaurantes. Non viaxan aos mesmos lugares nin van xuntos de vacacións. Non beben nin se divirten xuntos. Cadaquén casa cos seus.

Velaquí un modelo que trunfa. Agora mesmo hai en marcha outras secesións. O gurú económico dun partido ultramontano propón nestas eleccións acabar cos impostos progresivos e a discriminación fiscal que sofren os ricos. Quere privatizar a sanidade, a educación e desmantelar o sistema público de pensións. Medidas para audodeterminarse da inmensa maioría, ou a secesión dos privilexiados.

Pasa a outra escala. A rica Baviera mira con receo o leste empobrecido. A Italia do norte olla de esguello á do sur. California, aos rednecks e hillbillies do Medio Oeste. Na prensa aquí, o mapa da España Baldeirada. O berro do silencio rural en Madrid contra o abandono, a falta de desenvolvemento e oportunidades que expulsa aos novos.

Nestes tempos de desolación, partidos independentistas reclaman o dereito de autodeterminación: descarnada mostra de insolidariedade. Chama a atención que partidos progresistas aposten polos countries e non polas villas miseria. E que apoien o clamor supremacista das bandeiras de tela triste, recurso populista para ocultar os problemas da xente: o ar e a terra, a casa común, o pan de cada día. E abondosa sementeira de algo que medra ben, o odio.

O rural baldéirase. Décadas de desatención levaron á imposible rexeneración biolóxica en pobos pequenos. Os partidos viven de costas á realidade máis aló do disputado voto do señor Cayo para conseguir uns poucos diputados ou manter o inútil Senado.

Atraso socioeconómico, mal acceso ás redes, xibarización de servizos, peche de escolas, inación das administracións, ao fin dúas Españas: unha con demografía, economía e oportunidades, outra baldeirada de xente, rica en berros de silencio. Unha sorte de villa miseria a carón dos muros do country onde se autodeterminan os ricos.

A España baldeirada e a secesión dos ricos
Comentarios